A iniciativa galega Tecno-renting afianza a fórmula do renting na venda de produtos TIC

martes, 5 de maio do 2015 Fernando Sarasketa

O renting, unha modalidade en alza de compra ou aluguer de bens en diferentes prazos (xeralmente automóbiles, aínda que non ten por que), está cada vez máis indisolúbelmente ligado á Rede e ás cousas que están (tamén) ligadas á Rede. Entre as culpábeis disto, que son moitos, atópanse iniciativas como Tecno-renting, un servizo en liña que se dirixe e facilitar venda a prazo de computadores, tabletas, móbiles, impresoras, maquinaria industrial e agrícola ou tecnoloxía LED, “todo con orixe en moitas diferentes marcas e amosando unha ampla gama de prezos”, indican os seus responsábeis, un grupo de emprendedores galegos que apostou forte por aplicar a fórmula do renting ás tecnoloxías, e semella que apostaron ben. “Nós o que facemos”, din, “é permitir aos internautas mercar aquilo que precisan ou lles gusta e pagalo nos meses que queiran”.
Segundo conta Alberto Rodríguez, director comercial da plataforma, “a idea xurdiu do noso día a día e a nosa experiencia tanto persoal como profesional”. E explica, sobre as orixes do servizo: “A todos gústanos a boa tecnoloxía pero, en moitos casos, non podemos permitirnos gastarnos centos ou miles de euros, así que pensamos que se o puidésemos pagar a prazos ou facer un renting igual que facemos co coche, entón se cadra teriamos máis doado chegar a ese gadget que tanto nos atrae”.
O establecemento en liña posto en marcha por estes emprendedores galegos, que xa está en activo atendendo aos seus primeiros clientes, salienta tamén polos sectores de posíbeis usuarios de tecnoloxía aos que se dirixe: practicamente todos. Así, achégase “tanto para particulares como para empresas, autónomos, administracións públicas e asociacións”. Ademais, destaca tamén por ter apostado por unha fórmula de emprego “rápida e doada”. Así, logo de ter seleccionado o obxecto que queremos a través da web Tecno-renting.com, eliximos en cantos prazos queremos pagalo, mandamos a documentación solicitada e en 24/48 horas comunícannos se a compra foi aprobada.
Este comercio electrónico abrangue como dixemos ordenadores, videoxogos, móbiles, tabletas, maquinaria industrial e agrícola, tecnoloxía LED, material de telecomunicacións, e en definitiva, “todo o que podemos precisar para a nosa casa ou empresa ao alcance dun clic e pagándoo nos prazos que elixamos”, engaden os seus impulsores.

PUBLICIDADE