A iniciativa Somos Paisaxe achega recursos na Rede para facermos colectivo contra o feísmo

martes, 7 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

Estes días soubemos da posta en marcha dunha iniciativa chamada Somos Paisaxe con fondas raizames en dúas contornas que non se rexeitan: a nosa terra e a nosa Rede. Trátase dun proxecto promovido pola Fundación Galicia Sustentable dirixido a facer fronte común para blindar o que ben podería chamarse a nova conciencia galega sobre a responsabilidade no paisaxe. Unha responsabilidade, ollo, que é colectiva, pero tamén individual. Estamos polo tanto ante unha iniciativa que tanto na Rede como fóra dela ten feitura de comunidade, e sen desbotar ser unha fonte de divulgación. O gran obxectivo, para que se entenda, é favorecer que comprendamos que así como estragamos entre todos a paisaxe nas décadas pasadas, podemos emendala e coidala tamén entre toda e todos.
O proxecto ten web de seu e dende ela cóntase que naceu entre outras cousas pola necesidade de achegar este reclamo: “Temos que salvagardar e pór en valor a paisaxe”. A páxina compleméntase cunha serie de vídeos explicativos (O concepto da paisaxe, Contexto para o Atlas das Paisaxes, Ecosistema, paisaxe e territorio, etc) dende os que se nos leva da man cara ao centro da problemática, dun xeito ben interesante e sen complexidades conceptuais que lastren o camiño e impidan o achegamento pleno da sociedade por enteiro ao miolo da cuestión, incluídos o marco normativo e as estratexias sociais que se están a desenvolver arredor dela.
Segundo comentan os seus responsábeis, unha das grandes particularidades da iniciativa é que se dirixe a dar acubillo e convocar a múltiples e variados integrantes, colaboradores e participantes: nada de centrarse unicamente en axentes especializados no estudo da paisaxe. Para isto habilitouse na web de seu a serie Compartindo visións, que se centra na achega de vídeos de persoas de diferente ámbito profesional e xeográfico achegando as súas visións sobre a cuestión que dá sustento ao proxecto. “A intención é que todo o mundo se sinta partícipe da paisaxe”, explican os impulsores da iniciativa, que tamén anuncian que seguirán xuntando vídeos na plataforma tecnolóxica, un proceso que sen dúbida recibirá impulso en canto o tempo mellore “e nos poidamos botar de novo á rúa”, comentan.

PUBLICIDADE