A industria española aeroespacial loce talento e innovación en New Space (Vigo)

venres, 28 de outubro do 2022 S. P.

A segunda edición de New Space España, organizada en Vigo pola empresa galega Alén Space, chegou ao seu remate este venres 28 tras dúas intensas xornadas nas que congregou en Vigo a máis de 200 profesionais e 90 empresas da industria espacial nacional e internacional. Baixo o lema O camiño cara ao liderado global, os asistentes puideron ver aos máis prestixiosos representantes do sector en España falar das principais tendencias e proxectos clave.
O conselleiro delegado de Alén Space e organizador do congreso, Guillermo Lamelas, destacou que agora ve “un sector cunha maior madurez e robustez, e nos próximos anos temos que ser capaces de marcar unha axenda propia”. Ademais, expresou o seu agradecemento a asistentes e patrocinadores pola unión e compromiso por facer de España unha potencia nesta industria pioneira.
A segunda e última xornada, con 14 expertos repartidos en distintas conferencias e mesas redondas, enfocouse no futuro do sector New Space e nas estratexias máis salientábeis en materia de investimento.
Na mesa redonda Actores públicos do New Space español, moderada por Luis Pérez Freire, conselleiro delegado do Centro Tecnolóxico Gradiant, representantes de institucións públicas de renome no eido da investigación, como o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), a Universidade de Vigo, a Universitat Politècnica de Catalunya (UPC) e a Universidade Politécnica de Madrid (UPM), reflexionaron sobre o financiamento e innovación espacial en España.
En palabras de Álex Oscoz, investigador principal do proxecto IACTEC do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), “España é unha potencia mundial en astrofísica, pero é necesario investir en ciencia e tecnoloxía porque xera un país saudábel”. De igual maneira, Adriano Camps, director do laboratorio NanoSat Lab e catedrático na Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), tomou a testemuña comentando que “é inescusábel ter un proxecto de país para estar á vangarda”.
New Space España 2022 continuou coa conferencia Un caso de éxito da Universidade ao liderado de Miguel Ángel Molina, director de desenvolvemento de negocio de GMV. Ao longo da súa exposición, Miguel Ángel Molina detallou os comezos da súa compañía, desde a súa concepción ata a súa consolidación como unha das grandes multinacionais españolas. “Hoxe en día, abranguemos múltiples sectores e somos capaces de controlar sistemas con máis de 400 satélites ou preparar o sistema de navegación de BMW”, salientou.
A continuación, na conferencia A Axencia Espacial Europea e o New Space, Miguel Manteiga, director do Proxecto Galileo de Segunda Xeración na Axencia Espacial Europea (ESA), explicou a profunda vinculación do sector New Space coa principal institución espacial europea, porque “a pesar de que a xente crea o contrario, a ESA estivo ligada ao concepto New Space desde 1975”. Ademais, como experto en navegación e xeolocalización, Miguel Manteiga resaltou que “por cada euro investido da ESA en a área de navegación, hai un retorno de 40 euros”.
Como peche do programa de New Space España 2022, representantes do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), GMV, Indra, BeAble Capital e The Lab Ventures debateron na mesa redonda Investimento para o impulso do New Space, moderada polo director financeiro de PLD Space, José Manuel Rodríguez. Malia proceder de institucións con estratexias de financiamento moi diversas, concluíron que o retorno do investimento “é importante”, pero “aínda máis determinante é o valor da idea na que se está apostando”. Nesta liña pronunciouse Roberto Ranera, socio xeral de BeAble Capital: “España xera moita ciencia, pero está retida nos caixóns das universidades e queremos sacala de aí”.
Esta segunda edición de New Space España, organizada por Alén Space, contou como principais patrocinadores con Indra e GMV, aos que se lles uniu o apoio de institucións públicas como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlantTIC) da Universidade de Vigo; e o patrocinio doutras empresas de referencia na industria espacial, como HISPASAT, Alter Technology, DHV Technology, PLD Space, Satlantis, Fossa Systems, GeoSAT, Deimos e Telespazio.

PUBLICIDADE