A industria dos videoxogos lánzalles un ultimato aos internautas británicos que compartan os seus produtos

mércores, 20 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Unha das novas propostas de Topware, o xogo X-Blades.

Coa industria do videoxogo non se xoga. Isto, palabras máis palabras menos, resume o último movemento do sector no Reino Unido, un país que, entre outras cousas, está a pasar a historia por dar acubillo ao meirande e máis ruidoso número de amoestacións aos internautas por levar a cabo descargas non permitidas. En definitiva, que o mesmo que se puído dicir hai unhas semanas con Virgin a propósito da música, podémolo dicir agora de Atari, Topware Interactive, Reality Pump, Techland e Codemaster a conto dos videoxogos. Resumindo, este consorcio de grandes da industria está xa máis que farto do que considera unha agresión en toda regra: a circulación de produtos propios de seu protexidos con licenza en réxime de libre acceso grazas, entre outras cousas, ás redes P2P. En consecuencia, vén de pórse máis que firme cos usuarios destas redes e de xogos ilegais: enviarán unha carta de aviso a 25.000 persoas para pedirlles o pago de contado de 300 libras (preto de 400 euros) para evitaren dar cos seus ósos nos tribunais.
Segundo se conta en The Times e máis en El Mundo, a cousa está máis ou menos clara e, coloquialmente falando, o consorcio xa se quedou coa faciana dos usuarios díscolos. Estes, en caso de negarse a pasar polo aro deste acordo extraxudicial, serán posto a disposición dun bufete de avogados que, para que se entenda que saben o que teñen entre mans, xa conseguiu entre outras cousas que o Tribunal Superior lle dese unha orde para obrigar aos provedores de Internet a achegarlles os nomes e enderezos dos ditos 25.000. Polo de agora, xa teñen os datos de 5.000. A cifra, con todo, é só simbólica, xa que se calcula que o número de británicos que fai circular xogos libremente e de balde é un pouquiño meirande: de seis millóns de persoas. Polo de agora, a primeira en recibir na súa cabeza toda a carraxe amoreada do consorcio dos cinco grandes do sector foi a cidadá Isabella Barwinska, quen recibiu unha multa de 20.000 euros polo grave crime de descargar ilegalmente o xogo Dream Pinball 3D. Cómpre sinalar que a dita muller estaba desempregada cando recibiu a sanción e é nai de dous fillos.

PUBLICIDADE