A gañadora do premio Turing 2006 augúralle dende Santiago un gran futuro á computación

mércores, 29 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Frances Elizabeth Allen, gañadora do premio Turing 2006 (un dos máximos galardóns en computación a nivel mundial), vén de aterrar en Compostela co fin de participar arreo no programa ConCiencia, unha iniciativa da Universidade e o Consorcio para incrementar a pegada social da investigación en Galiza. Tal e como sinalamos hai uns días, trátase da primeira ocasión en que unha muller é convidada a tomar parte activa nesta iniciativa, feito concreto que precisamente non deixou pasar Allen nun encontro cos medios celebrado este mércores ao mediodía. Ao seu xuízo, as ciencias da computación viven arestora un intre de inflexión cara propostas máis relevantes para a sociedade, máis útiles e, sobre todo, máis democráticas. Neste proceso, indicou, a muller terá un papel especialmente salientable.

Allen mantivo un encontro con investigadores no Centro de Estudos Avanzados

Á pregunta sobre as razóns da escasa presenza feminina no seu eido de traballo, Allen responsabilizou disto á propia disciplina na que desenvolve o seu labor e ao uso que a sociedade en xeral fai dela. Para a investigadora norteamericana, está a piques de chegar un repunte de actividade da computación, en boa medida grazas á chegada de formas de vida máis modernas (máis libres, máis adaptables ás nosas necesidades), de novos eidos de traballo e de canles comunicativas moito máis próximas á cidadanía.
Allen tamén fixo fincapé en que as novas tecnoloxías derivadas da computación son cada vez máis baratas, motivado isto –en parte- pola procura de novas fontes de alimentación enerxética para os equipos informáticos, máis limpas e accesibles, co que tamén se favorece a entrada en xogo de áreas do planeta que até o de agora ficaron á marxe da ciencia.
Turing, que aproveitou a mañá deste mércores para reunirse coa comunidade investigadora das Universidades de Santiago e Coruña, intervirá este xoves día 30 no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia a partir das 20.00 horas e cun relatorio aberto que leva por título Unha peregrinación polas altas sendas da computación.

PUBLICIDADE