A galega Ventilatio Lab creará unha plataforma virtual para facer completas simulacións de voos con drons

venres, 22 de decembro do 2023 S. P.

Galicia segue a dar pasos de xigante en materia de drons e novidades empresariais relacionadas cos vehículos aéreos non tripulados. Esta mesma semana puidemos saber que Ventilatio Lab spin-off da Universidade de Santiago, definirá unha contorna de simulación para analizar a aerodinámica e as condicións de voo dos vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés).
O proxecto é unha das doce novas iniciativas empresariais que formarán parte da quinta edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado no segmento dos vehículos non tripulados do Polo Aeroespacial de Galicia.
Ao abeiro do proxecto Banco de probas virtual para o estudo da aerodinámica de UAVs con aplicación no transporte de cargas e condicións de voo, Ventilatio Lab creará unha plataforma virtual que permitirá realizar simulacións de voo tendo en conta as condicións meteorolóxicas locais, a orografía do terreo e as condicións de carga e de potencia de cada tipoloxía de UAV. “Deste xeito, este desenvolvemento terá a capacidade de acelerar a toma de decisións do operador e valorar de forma rápida e accesíbel se unha operación é abordable baixo unhas certas condicións atmosféricas ou de carga ou se se debe pospoñer ou modificar”, explican dende a spin-off.
O proxecto da USC, que foi seleccionado no itinerario de incubación, desenvolverase no marco dunha convocatoria altamente competitiva, na que se recibiron 144 propostas de 26 países, o que consolidou este programa como un reclamo para o emprendemento en todo o mundo.
Ventilatio Lab, empresa de base tecnolóxica, botou a andar a comezos de 2022 centrándose inicialmente na redución da capacidade de transmisión de patóxenos e contaminantes aéreos no contexto da COVID-19. Deste xeito, desenvolveron unha tecnoloxía propia que, a través do cálculo de dinámica de fluídos, establece as condicións de ventilación óptimas para manter a salubridade do aire. Na actualidade, traballa tamén no cálculo das estratexias óptimas de ventilación para o control dos niveis de radon radioactivo en vivendas e espazos de traballo.
VentilatioLab é froito do traballo dun equipo de investigadores da Facultade de Física da USC. Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez, aos que se une o economista Ramón Tubío Villanueva, son os impulsores da iniciativa. O equipo investigador parte da súa experiencia en física de fluídos e o estudo do seu comportamento en gran diversidade de contextos (incluíndo meteoroloxía e oceanografía), experiencia que xa foi aplicada con éxito ás novas necesidades de control de ventilación tras a crise da COVID-19.

PUBLICIDADE