A galega Unayta presenta unha revolucionaria aplicación para hoteis

xoves, 24 de setembro do 2015 Redacción

Manuel Calvo, xerente da nova firma con sede en Milladoiro

JustRequest é o nome dunha innovadora aplicación para móbiles e tabletas (Android e iOS) que irrompe no mercado español da man da empresa galega Unayta, firma de mercadotecnia e comunicación en liña emprazada en Milladoiro (Ames). A ferramenta foi desenvolvida pola empresa hispano-alemá Touristic Communications JustRequest GmbH e segundo nos conta Manuel Calvo, xerente de Unayta, está a ser empregada “con gran éxito” noutros países de Europa “e mesmo nun importante grupo hostaleiro referente en España”.
Os seus puntos fortes, sinala, radican en que se trata dun servizo práctico, cómodo e directo, tanto para as propias firmas hostaleiras como para os hóspedes e clientes. Nun plano concreto, permite facer cousas como comprobar reservas, solicitar suxestións e achegar dúbidas ou achegar notificacións de incidencias dende calquera recanto do mundo (durante de despois do check-in no establecemento en cuestión). O seu obxectivo básico: mellorar a comunicación para as vacacións ou viaxes de negocios e conectar aos hóspedes directamente co seu hotel ou cruceiro.
“A idea”, comenta Manuel Calvo, “xorde da necesidade dos usuarios para, ademais de realizar o seguimento da seu reserva, engadir todas as necesidades e peticións que queiran facer chegar ao hotel e comprobar o seu estado”. Á súa vez, o cliente está ao tanto de todas as novidades que se presentan no establecemento de forma directa e instantánea.
Trala penetración no mercado que tivo JustRequest en Europa, Pilar Lemes, Antonio Ramírez e Uwe Schneider, fundadores e creadores da aplicación, seleccionaron para a súa distribución no Noroeste de España (Galicia, Asturias, Cantabria e León) e o Norte de Portugal á compañía de solucións tecnolóxicas Unayta, startup formada por profesionais da comunicación e novas tecnoloxías. Manuel Calvo salienta que “JustRequest é a resposta a unha petición que milleiros de usuarios de hoteis e experiencias de lecer viñan demandando desde hai anos”. E engade: “Mentres que os comparadores, foros de opinión e portais web funcionan de forma reactiva, é dicir, unha vez o cliente xa visitou o establecemento, con JustRequest os hoteis responden de forma proactiva e previa á visita e ás peticións dos hóspedes”.
Segundo recorda, JustRequest é a primeira aplicación de comunicación turística de requests (peticións, suxestións, desexos) para dispositivos intelixentes en plataformas Android e iOS. O obxectivo é, ante todo, evitar as esperas na atención por parte do cliente e mellorar a experiencia do usuario durante a súa estancia. A aplicación é de balde para os usuarios, e os hoteis poden dar de alta este servizo “sen ningún custo e cunha económica cota de mantemento” que permitirá aos hoteis “atender de forma práctica e cómoda aos seus clientes sen longas colas de espera na recepción nin interminábeis chamadas telefónicas”.

PUBLICIDADE