A galega TrocoBuy entregará na Startup Weekend Burgos 6.000 euros de liquidez a un novo proxecto empresarial

mércores, 6 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Participantes na segunda edición da xuntanza en Burgos

A plataforma empresarial galega TrocoBuy será a única presenza da nosa terra na terceira edición da Startup Weekend de Burgos. Porén, sen dúbida será unha presenza fundamental. De feito, a nosa firma non só patrocina este evento internacional (cuxo lema fala por si só do que se pretende, máis claro imposíbel: Desenvolve unha idea de negocio en 54 horas), senón que ten preparado un premio de seu, o Premio TrocoBuy, dirixido a recoñecer o traballo despregado por unha das start-ups que se constitúan na xuntanza e que sexa quen de adaptarse mellor á plataforma. A gañadora recibirá unha dotación de 6.000 euros de liquidez para operar a través de TrocoBuy.
Ademais, a plataforma galega quere amosar e ampliar o seu compromiso co espírito do SW Burgos outorgando outros tres premios aos tres finalistas do evento: un premio de 6.000 euros ao equipo gañador e dous de 3.000 euros ao segundo e terceiro clasificado, co obxectivo de que “poidan mercar o que precisen a través da plataforma”. César Canedo, CEO de TrocoBuy e xurado do evento, afirma que SW Burgos “é unha gran oportunidade e un balón de osíxeno para moitos mozos que poden achegar moi boas ideas que tan só necesitan ser escoitadas”. Polo tanto, engade, con este patrocinio a empresa galega quere amosar “o seu respaldo aos milleiros de emprendedores que acudirán os vindeiros días 15, 16 e 17 de novembro á Universidade de Burgos para facer realidade a súa idea de negocio, seguindo a filosofía dos startup weekends, que son os eventos máis importantes do mundo a día de hoxe para emprendedores e creación de startups”.
Como novidade este ano, TrocoBuy salienta que tódolos proxectos competirán na batalla mundial do emprendemento, a Global Startup Battle 2013.
Lembrar que TrocoBuy é unha plataforma de financiamento non bancario para pequenas e medianas empresas (PEME), autónomos e emprendedores. Conta con sedes de seu na Coruña e Portugal.

PUBLICIDADE