A galega Training Channel bota áncoras en Arxentina da man de Telefónica

martes, 18 de outubro do 2011 Raquel Noya

Divertido, audaz, cómodo, próximo, áxil, suxestivo, accesible, persoal, novo, flexible, único, diferente, singular, innovador...” así define o seu método de formación a empresa de raíces galegas, Training Channel, que certo día observou que Internet reunía tódalas vantaxes posibles para converterse no medio de formación a distancia ideal, e dende entón edita canles temáticas feitas case á medida das necesidades dos seus alumnos e alumnas.
Agora esta firma, que no seu método de formación integra as vantaxes metodolóxicas e académicas da formación presencial coa flexibilidade e redución de custes inherentes á formación e-learning, leva os seus servizos de freshlearning ata Arxentina, onde, da man de Telefónica, probará sorte coas súas canles temáticas de formación a través de Internet.
Din dende o seu seo que “grazas aos magníficos resultados obtidos por Telefónica con Training Channel en España, a operadora incorpora este sistema de formación á súa marketplace de aplicacións Aplicateca argentina”.
A ferramenta funciona mediante un sistema de abonos de cobro mensual, e os usuarios de Telefónica Arxentina terán acceso a calquera das canles temáticas de formación contratadas: Canle Tecnolóxica, Canle Ofimática ou Canle Inlglés.
Xa que logo, grazas á incorporación deste novo servizo, os profesionais e pequenas empresas clientes en Arxentina da operadora, poderán gozar dunha formación “de alto nivel”, “que antes tiñan vetada polos custes”, aseguran.
Deste xeito, un ordenador con acceso a Internet de banda larga convértese no único requisito para acceder aos máis de 600 cursos do catálogo da empresa, que bota man do tan famoso cloud computing para facer máis interesantes e eficaces as accións formativas dos seus alumnos e alumnas.

PUBLICIDADE