A galega Texas Controls tirará partido das aplicacións de cálculo da plataforma CloudPEME impulsada polo CESGA e AIMEN

martes, 11 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e AIMEN ábrese máis que nunca ao mundo empresarial. En teoría e na práctica: esta era a razón de ser de CloudPEME, unha plataforma desenvolvida polos ditos centros de I+D galegos, xunto con CATIM e AIMMAP (norte de Portugal) para integrar nas empresas metalúrxicas tecnoloxías abertas de cálculo e simulación. De feito, este mesmo martes soubemos que a empresa galega Texas Controls, con sede na Coruña, será unha das que proben a fondo a plataforma CloudPEME, co fin de familiarizarse coa aplicación da supercomputación nas súas tarefas cotiás. O director de operacións en Texas Controls na Coruña, Germán Rodríguez, fíxolle saber ao CESGA a intención de aproveitar ao máximo esta oportunidade “para afondar en problemas do día a día que se presentan con certos materiais e en aplicacións críticas, o que non poderiamos facer se non fixeramos cálculo e simulación".
Como exemplo concreto, Rodríguez cita a análise dos atrancos que xorden cando se emprega un certo tipo de unións bridadas en instalacións industriais críticas como os Hidrocracker que están presentes nas refinarías. A firma vai promover a formación do seu persoal no uso deste tipo de ferramentas "para xustificar as decisións que tomamos á hora de desenvolver o noso traballo de enxeñería, o porqué deses cálculos, e poder predicir o que pode pasar a partir de experiencias pasadas, o cal é moi importante para nós". Trátase pois de comprender en toda a súa dimensión o problema e situalo nun chanzo científico, para logo achegar estes cómputos e estudos ás firmas coas que traballa Texas Controls, pertencentes sobre todo aos sectores enerxético e petroquímico.
Como lembraremos, o proxecto CloudPEME, do que xa temos falado en detalle nesta web con motivo dos seus primeiros pasos, consiste basicamente en achegar as vantaxes da supercomputación e da simulación ao sector produtivo industrial galego-portugués, concretamente ao metalmecánico e ao metalúrxico, que son os que se integran na Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) e a Associaçao de Industriais Metalúrxicos e Metalomecánicos de Portugal, AIMMAP.
As devanditas plataformas, xunto co Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalomecánica, CATIM, e grazas á tecnoloxía do Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, teñen pois, ao seu alcance, tecnoloxías libres e avanzadas de deseño, enxeñaría e simulación por computador.
O obxectivo, segundo informou no seu día o propio CESGA nun comunicado, é xa que logo o de impulsar a innovación nas pequenas e medianas empresas de ámbalas beiras do Miño.

PUBLICIDADE