A galega Tesla Technologies homenaxea nunha web ao científico que lle dá o nome

mércores, 15 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Sen dúbida o mundo e a historia teñen unha débeda con Nikola Tesla, un dos científicos que máis ten contribuído ao progreso da sociedade do século XX en virtude dun achado fundamental (entre outros moitos) que leva a súa pegada e o seu nome por moito que se lle atribúa a autoría a outros: a transmisión (con fíos e tamén sen fíos) da electricidade. Iniciativas para recuperar a súa figura hai moitas, non só como inventor (que tamén) senón como científico avanzado ao seu tempo (e mesmo ao noso), pero de entre todas elas hai unha que nos toca de preto: por ser galega e por vir a través da Rede. Trátase da web teslatechnologies.net, posta en marcha por unha empresa que xa botou a camiñar cunha homenaxe explícita ao visionario serbio: a santiaguesa Tesla Technologies.
O obxectivo da firma Tesla, integrada na asociación EGANET e centrada en deseño web e en programación, non é outro que homenaxear ao devandito científico e pór en valor o seu rico “legado científico e tecnolóxico”. Segundo contan os creadores desta páxina e reflicte EGANET, buscábase con esta nova web achegar un “punto de referencia sobre a vida e inventos do serbio-americano, baixo un formato aberto e participativo, o que permitirá formar unha comunidade de persoas interesadas na biografía de Tesla que lle darán vida á web e axudarán a ampliar os contidos da mesma coas súas achegas”.
A web está desenvolvida en HTML5, tentando aproveitar todas as posibilidades de deseño e interactividade que permite esta linguaxe, complementándoo cun uso intensivo de CSS3 e Canvas, o que permite a compatibilidade da nova páxina con todo tipo de dispositivos móbiles. Pese a esta aposta polo HTML5, Tesla Technologies desenvolveu tamén unha versión Flash moi coidada, “para non deixar fóra aos usuarios cuxos navegadores non soporten o formato orixinal”, infórmase.

PUBLICIDADE