A galega Telemo ofrece conexión de banda larga vía satélite alí onde non chega o ADSL

luns, 12 de maio do 2008 Raquel Noya

A firma galega radicada no polígono industrial de Bergondo, Telemo Comunicacións, vén de presentar un innovador servizo que ofrece acceso a Internet de banda larga a través de satélite a prezos moi semellantes aos do tradicional ADSL.
Trátase do Telemo Satélite, un servizo unidireccional cunha velocidade de recepción que vai dende 1 Mb ata 24 Mb e cun ámbito de cobertura do 100 por cento do territorio peninsular, polo que “chega a zonas onde o ADSL non chega, onde é deficiente ou onde simplemente é intermitente”.
O xerente da compañía, Pablo Fernández Llavero, afirmou que en España “existen máis de 10 millóns de posibles abonados que carecen de acceso a Internet e un 38 por cento de internautas que se conectan a través de acceso telefónico convencional” polo que o nicho de mercado deste negocio emerxente é relativamente alto.
Telemo Satélite é posible grazas ós 24 satélites da flota de Eutelsat, Telemo Comunicacións e SkyDSL que dispensan este servizo en España, Portugal, Francia, Italia e Grecia, entre os que destacan os Eurobird 3 e o Atlantic Bird 2, que emiten o sinal para toda a península, Baleares e Canarias.
Grazas á especialización de Telemo no ámbito Wi-Fi (con solucións específicas para centros comerciais), o servizo desta firma galega é tamén unha boa opción para aqueles concellos que non reciban ADSL e que queiran ofrecer servizo de Internet sen cables a unha velocidade xenerosa.
O custo do servizo Telemo Satélite rolda os 21 euros máis IVE (por 1 Mb de velocidade) e para contratalo, os usuarios só precisan dispor dunha liña telefónica ou dun móbil como canle de retorno. A petición de datos é atendida polo satélite, que envía a información solicitada a velocidade de banda larga.
Para acceder a esta nova tecnoloxía os usuarios deben instalar unha antena parabólica de 60 centímetros de diámetro, orientada en dirección sur-suroeste e un decodificador da sinal de satélite DVB. A instalación é doada e realízase en pouco tempo.

PUBLICIDADE