A galega Telecon presenta en Amsterdam a súa solución para a xestión de redes eléctricas intelixentes

luns, 14 de outubro do 2013 Redacción

Jacobo Penide, director de Desenvolvemento de Negocio de Telecon

A empresa galega Telecon anunciou este luns que participará arreo, amosando as súas máis recentes innovacións, no que con toda probabilidade é a día de hoxe o meirande escaparate europeo de tecnoloxía para as redes eléctricas intelixentes (smart grids), a feira European Utility Week, que reunirá en Amsterdam, desde mañá até o 17 de outubro, a 8.000 profesionais de máis de 300 firmas de todo o mundo. O encontro serviralle á compañía galega para amosar internacionalmente as potencialidades da súa solución para a xestión das devanditas redes, baseada no estándar de Prímea Alliance e que salienta, en palabras de Telecon, por ser quen de adaptarse ás necesidades dos distribuidores de mediano e pequeno tamaño.
Cómpre ter en conta, informa a firma galega, “que a xestión de redes eléctricas intelixentes é un mercado de dimensión global que está en pleno desenvolvemento, ao que hai que engadir o feito de que a Unión Europea e a maioría das economías avanzadas teñan establecido prazos xa que obrigan aos operadores do sector enerxético a dotar de intelixencia ás súas redes, o que fai posible a lectura a distancia e en tempo real dos contadores eléctricos, entre outras numerosas vantaxes para empresas e usuarios”. Para Telecon, acudir á European Utility Week é unha gran oportunidade dende tódolos puntos de vista, incluído o punto de vista da internacionalización. De feito, un dos grandes obxectivos da firma, ao fío da dita solución para redes intelixentes, é o da exportación. Así nolo contou este luns Jacobo Penide, director de Desenvolvemento de Negocio de Telecon, que sotén que “os distribuidores eléctricos españois xa coñecen e aprecian as vantaxes do noso desenvolvemento, que está a obter resultados moi satisfactorio nas probas piloto realizadas en Galicia”. Porén, este intre que vivimos é o intre axeitado para dalo a coñecer entre os operadores do resto do mundo. O punto de forte desta tecnoloxía, engade, non é outro que a súa capacidade para adaptarse ás demandas técnicas e orzamentarias dos distribuidores de tamaño mediano e pequeno, tanto en contornas urbanas como semi-urbanas e rurais.
Como lembraremos, a tecnoloxía desenvolvida pola compañía galega está integrada por un concentrador de comunicacións e unha plataforma de software. Trátase do resultado de dous anos de traballo do departamento de I+D da compañía, que decidiu apostar polo estándar de Prímea (Powerline Intelligent Metering Evolution), a xuízo de Telecon a tecnoloxía de máis implantación a día de hoxe a nivel internacional.

PUBLICIDADE