A galega Tagtum integra no seu sistema de antifalsificación o microchip máis reducido

venres, 18 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A empresa galega Tagtum vén de presentar unha novidade importante no software de seu do mesmo nome, desenvolvido para optimizar e intensificar a loita contra a falsificación en calquera das súas manifestacións. Segundo fan saber fontes da compañía, a devandita tecnoloxía foi sometida os meses pasados a un proceso de mellora que, entre outras cousas, implicou unha simplificación dos recursos postos en xogo. O resultado de todo isto é a incorporación dun microchip que, a xuízo da empresa galega, é o máis miúdo do mundo.
Lembrar que Tagtum é unha tecnoloxía pioneira (a nivel galego pero tamén estatal e internacional) na loita contra a fabricación e comercio de produtos falsificados. Isto conséguese a través da incorporación-combinación dun chip integrado polos fabricantes e un smartphone ligado ao mesmo. A plataforma logra a comunicación entre o teléfono e o chip, xestiona todo o fluxo de información e emite un certificado en liña de autenticidade da peza.
O que nos presenta agora a empresa galega é, como dixemos, unha simplificación da tecnoloxía posta en xogo, dirixida entre outras cousas a transmitir aos compradores a capacidade de asegurar, en calquera lugar do mundo, a autenticidade dun obxecto. Este proceso levou a unha redución notábel das dimensións do compoñente electrónico. Sinalar que até o de agora, a implantación desta tecnoloxía estaba condicionada por un tamaño mínimo de chips de 30 mm de diámetro, “o que impedía integralos en artigos de reducidas dimensións, tales como xoias, reloxos, estilográficas, lentes e un amplo abanico de produtos de luxo”. Porén, iso agora mudou, segundo nos lembran dende a empresa galega, que acadou o imposíbel: integrar un minúsculo chip de 3 milímetros na súa app, xa dispoñibel para teléfonos Android de forma gratuíta. Segundo engaden fontes de Tagtum, se ao devandito “lle sumamos a posibilidade de conectar o teléfono móbil dos clientes con toda unha serie de novos contidos e funcionalidades ofrecidos polo fabricante por medio do chip, estamos ante o resultado do que hoxe en día xa se denomina a terceira revolución industrial: os artigos intelixentes”.
Segundo palabras do seu director, Manuel Montes, “nunca unha lonxitude tan pequena conseguiu dar un paso tan grande na loita contra a falsificación de artigos. Iniciamos a comercialización hai poucas semanas, e tras este avance, recibimos peticións de información desde multinacionais do pequeno electrodoméstico en Silicon Valley até distribuidores potenciais en Grecia”. E continúa: “A nosa aposta por desenvolver tecnoloxía que achegue confianza no mercado deu os seus primeiros pasos, agora é o momento no que os fabricantes deben apostar por achegar valor engadido aos seus produtos e diferenzas ante os seus competidores”.
Para saber máis desta tecnoloxía e de quen está detrás dela, lembrar que en Código Cero dimos conta hai pouco da presentación destes recursos en Vigo, no marco da última edición das Xornadas de Automatización Industrial.


PUBLICIDADE