A galega Tagen Ata ceiba unha boa parte dos seus recursos na súa nova web

luns, 2 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

A información que xera e move unha empresa constitúe, despois do equipo humano, un dos seus máis grandes valores. Porén, hai certa tendencia a pensar que canto mellor se protexe esa información, máis vale. Dun tempo a esta parte, e en boa medida grazas a cousas como o software libre, asistimos á constatación de que á riqueza tamén vén da man do intercambio e a liberalización dese coñecemento. Os obxectivos disto pasan por permitir que a comunidade internauta use, mellore e adapte o que lle damos, beneficio que para moitas empresas non ten comparanza. Nesta liña de apertura é onde se insire a empresa galega Tagen Ata, que vén de abrir unha nova andaina de mercado. Esta figura xa visible e resumida na súa nova web, un recurso encamiñado a establecer a máxima comunicación coa sociedade, o alumnado da propia empresa (pois se trata dunha firma especializada na formación apoiada nas novas tecnoloxías), os clientes e os colaboradores.
En definitiva, a páxina constitúe a liberación dos froitos de máis de oito anos de traballo de Tagen Ata, como se pode apreciar en Materiais para compartir, a sección estrela para o intercambio de recursos, habilitada con servizos sobre lingua, novas tecnoloxías dixitais, igualdade ou ensinanza. A sección é ben variada, e nos catro apartados nos que se ofrece podemos atopar (baixo a ligazón común da aprendizaxe e a nosa lingua) contidos como un léxico empresarial (ideal para pornos ao tanto das novas tendencias en comunicación corporativa) ou unha introdución ao emprego básico do software libre. Segundo reflicte o dito medio galego, outro dos grandes obxectivos da nova proposta é impulsar a oferta formativa da páxina que sairá en setembro da man de Tagen Ata, www.formacionenrede.com, amais da aula equipada con todo tipo de material informático coa que se quere dar axeitado complemento ao que se ofrece en liña.

PUBLICIDADE