A galega Susana Ladra, recoñecida cun dos premios Ada Byron que concede a Universidade de Deusto

mércores, 14 de outubro do 2020 S. P.

A informática e investigadora galega Susana Ladra González gañou o Premio Ada Byron Joven a la Mujer Tecnóloga organizado pola Facultade de Enxeñaría da Universidade de Deusto. Enxeñeira e doutora en Informática e Graduada en Matemáticas, Ladra é profesora titular de Linguaxes e Sistemas Informáticos (Universidade da Coruña) e coordinadora do programa STEMbach na Universidade da Coruña (UDC), que ten como fin o fomento de vocacións STEM, particularmente femininas.
Actualmente ocupa os cargos de directora do Campus Innova da UDC e de vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, o CPEIG. Tamén forma parte do equipo de investigadoras e investigadores do Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC.
Amais de Susana Ladra, a Universidade de Deusto tamén anunciou que concederá á investigadora sevillana Laura María Lechuga o Premio Ada Byron a la Mujer Tecnóloga.
Estes dous galardóns contan co patrocinio de ouro de Microsoft, así como o de Deputación Foral de Bizkaia, de Danobat Group e do Emakunde-Instituto Vasco da Muller; contando coa colaboración de Innobasque e Basque HealthCluster. Os galardóns serán entregados o 29 de outubro dentro das xornadas ForoTech 2020, Semana Deusto da Enxeñaría e a Tecnoloxía.
O Premio Ada Byron a la Mujer Tecnóloga, de ámbito estatal, foi instituído pola Facultade de Enxeñaría da Universidade de Deusto co obxectivo de “fomentar as vocacións femininas no eido da investigación e o desenvolvemento tecnolóxicos, para prestixiar a importancia da tecnoloxía en todos os ámbitos da vida e para o desenvolvemento social, así como para dar valor ao traballo e os logros que o desempeño destas tarefas e estudos por parte das mulleres achegaron á humanidade”.

PUBLICIDADE