A galega Ozona amosará en México a súa experiencia en proxectos ISO 20000

xoves, 17 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Diego Berea, director de Consultoría de Ozona

A compañía galega Ozona Consulting, especializada en proxectos de consultoría de procesos ITIL e ISO 20000 vén de informar dunha nova manobra no seu proceso de internacionalización. Máis polo miúdo, trátase da súa participación activa, os vindeiros 23 e 24 de novembro, como relatora en dous eventos a celebrar en México: o Terceiro Foro Internacional ITIL&IT Service Management 2011 en Monterrei e máis a Terceira Sesión do itSMF México na capital do país. A presenza en ámbolos encontros, sinala Ozona, sumado a outros como o recentemente celebrado en Lisboa, non fai máis que “recoñecer a experiencia da compañía ao presentar os seus proxectos ISO 20000 a nivel internacional”.
Máis en detalle, Ozona presentaralles aos asistentes unha análise sobre a nova norma ISO/IEC 20000:2011. O relatorio correrá a cargo de Diego Berea, director de Consultoría da firma, que afondará na situación actual da implantación do estándar a nivel mundial e achegará suxestións de aplicación no seo dunha entidade da devandita norma. Asemade, amosará a integración desta con outros estándares e máis a súa complementariedade cos métodos ITIL.

PUBLICIDADE