A galega Own the way leva os seus servizos de xeolocalización á Feira Culturgal

mércores, 30 de novembro do 2011 Raquel Noya

A falta de 48 horas para que dea comezo a feira cultural máis importante do noso país, a Culturgal, que como vimos anunciando dende os pasados días, resérvalle un lugar destacado ao sector TIC galego para que poidan dar a coñecer as ferramentas e servizos que poñen a disposición do espallamento da cultura, a firma galega Own the way vai levar alí as súas solucións de información para o sector do turismo.
Durante os tres días que vai durar o evento, Own the way vai desenvolver unha intensa programación de actividades no seu stand, co obxectivo de dar a coñecer aos usuarios o amplo abano de posibilidades que teñen á súa disposición na web de seu.
Segundo informan, “só con se rexistrar”, un usuario pode acceder ás múltiples audioguías cargadas na aplicación tales como: rutas por Forcarei, paseos urbanos por Santiago de Compostela ou Mondariz Balneario, itinerarios para facer no coche na zona do Condado ou pola comarca do Ribeiro... con cadansúas referencias para que se facilite ao máximo o labor do usuario.
Xa que logo, durante a feira Culturgal, máis polo miúdo no Foro Culturgal enfocado aos profesionais, esta empresa galega mostrará in situ o funcionamento da ferramenta, e de paso, sorprenderá aos asistentes, profesionais e público en xeral, con outras actividades que realizará no seu stand.
A maiores, o espazo de Own the way contará cun punto de información multimedia no que os visitantes poderán navegar pola web, rexistrarse nela e descargar as súas audioguías de balde, así como usar os reprodutores que teñen a disposición dos interesados en escoitar as audioguías.
Alén disto, e segundo informan, o stand de Own the way “vaise converter nun espazo para compartir”, no cal, as persoas interesadas en contar cales son os seus roteiros favoritos, aqueles percorridos por terras galegas que máis lle teñan gustado, poderán compartilos co resto do público.
A firma recollerá tódalas suxestións que lle cheguen, ben a través do Facebook ou en follas de papel, sabendo que poden ser rutas urbanas, rurais, poden estar sinalizadas ou non, ser rutas a pé, a coche ou a cabalo...
Trátase de que os usuarios compartan con todos os visitantes a ruta que máis lles gusta, que expliquen porqué e que convenzan ao resto de porque deberiamos facela. Todas elas serán publicadas no Facebook, e aquela que reciba máis votos a favor, é dicir, máis pulsos en “gústame”, será o gañador dun premio sorpresa.

PUBLICIDADE