A galega Optare Solutions lanza a comunidade Natural Born Telco

martes, 22 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Knowledge Investors vén de desenvolver para Optare Solutions un concepto-marca-comunidade dirixido a dar acubillo, por enteiro, á longa experiencia da segunda das compañías en materia de telecomunicacións a tódolos niveis, traxectoria que (por certo) foi obxecto de recoñecemento por parte de Gartner, que a nomeou "Cool Vendor in Telecom Operations Management Systems, 2010". O proxecto que están a presentar, chamado Natural Born Telco, é unha unión de termos e conceptos. Por unha banda achégase como imaxe identificativa da propia firma Optare e, pola outra, deste proxecto tecnolóxico-innovador no que está mergullada, Natural Born Telco, un proxecto que ten un aquel de comunidade en liña.
En palabras da firma viguesa, búscase a través disto poñer en contacto a persoas interesadas en traballar no sector e coidar a relación con elas, pondo a primeira pedra do que será un colectivo de seareiros do mundo das operadoras.
Esta comunidade en liña estará aberta a tódalas posibilidades 2.0 que nos veñan á cabeza: comunicación, busca de información, intercambio de intereses comúns e mesmo opción de construír proxectos ombro con ombro. En certa maneira, é unha prolongación natural do departamento de recursos humanos de Optare, alternativa ás canles tradicionais de busca de profesionais e moito máis certeira porque permite un contacto directo e prolongado.
Créase así unha comunidade común para a empresa, os seareiros das telecomunicacións e os futuros candidatos, sendo un dos obxectivos da compañía “mimar á xente que ten na compañía e tamén aos que virán no futuro, facendo que os candidatos poidan sentirse parte da comunidade”.
O proxecto, ao que chegamos vía SectorTICgalicia, está á vista de quen queira velo en múltiples canles. Por exemplo na web de seu, no grupo de LinkedIn, no sitio propio de Facebook, no perfil Twitter @natborntelco, na canle específica de Slideshare e, ao longo destes días, no espazo do Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade de Vigo.

PUBLICIDADE