A galega Oceans pon en xogo dúas novas tarifas para os clientes que só queren navegar

martes, 18 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

A compañía galega Oceans Network, operador de telecomunicacións con sede principal na Coruña, vén de pór ao alcance dos seus clientes, reais e potenciais, dúas novas tarifas-servizos concibidas á medida dos usuarios “que só queren navegar”. Ou sexa, elaboradas de xeito específico para internautas que desexen pagar unicamente polo que realmente empregan: os datos. Trátase das tarifas Mega 6 e Mega 10. A primeira das dúas inclúe 500 Mb para navegar dende o smartphone por só 6 euros ao mes. A segunda, pola súa parte, achega 4 Xb con 100 SMS e o servizo de VoIP por 10 euros.
Como están concibidas para navegar”, engaden fontes de Oceans, “ningunha das dúas inclúe voz”. Porén, se o cliente precisase realizar algunha chamada poderá facelo cun custe por minuto de sete céntimos. O prezo é o mesmo para chamadas a calquera fixo ou móbil nacional, explican dende Oceans, e sen restricións horarias. Amais disto, as tarifas en cuestión non ofrecen subvención de terminal, e polo tanto non estaremos suxeitos a permanencia en caso de contratalas.
Oceans, como lembraremos, é unha operadora móbil virtual (OMV) que do mesmo xeito que as grandes compañías con rede de seu, pode ofrecer un sistema cuádruplo Play, é dicir, ofertas que combinan telefonía móbil e fixa, banda larga e/ou televisión de pago.
ACTUALIZACIÓN (20-12-2012): Vimos de recibir un comunicado de Oceans advertindo de que tiveron que retirar de xeito provisorio as novas tarifas. Nos vindeiros días darán máis detalles sobre o tema.

PUBLICIDADE