A galega Ocean´s achega importantes melloras gratuítas no seu produto de converxencia

luns, 24 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

A empresa galega Ocean´s, na súa arela de desprazarse cara ao futuro á mesma velocidade có mercado das telecomunicacións (ou mesmo tentando sacarlle un algo de vantaxe), está a presentar estes días unha serie de melloras sobre o seu produto de converxencia, unha achega presentada no seu día como “unha combinación de comodidade e prezo”. A idea de Ocean´s, agora, é unha idea a medida do cliente: incrementar e melloras as condicións do seu produto e sen que iso implique un incremento. Ou sexa, “con mellores condicións pero pagando o mesmo”. Deste xeito, tanto Ocean´s Máis Básico como Ocean´s Máis Completo dan un paso adiante “en prestacións para que dispor de teléfono fixo, móbil e ADSL nun mesmo produto e factura resulte aínda máis vantaxoso”.
O primeiro paquete pasa de ofrecer 200 Mbps de navegación na liña móbil a 500 Mbps a máxima velocidade e sen límite. Segundo informa a empresa galega, “disporemos de máis megabytes por segundo para gozar e, coma sempre, non pagaremos máis se os excedemos”. No teléfono fixo, a tarifa plan de 1.000 minutos a fixos nacionais e internacionais substitúese por unha tarifa plana sen límite a fixos nacionais ou 1.000 minutos a fixos internacionais de 12 países. Tamén as chamadas a teléfonos móbiles nacionais desde o fixo evolucionan: os 50 minutos ofrecidos até o momento son mellorados con chamadas a 0 céntimos o minuto en chamadas a móbiles nacionais de calquera operador, sen restrición de horario e os 365 días do ano. Por outra banda, a firma galega tamén informa que de interesarnos obter un teléfono fixo sen fíos da máis alta calidade e de balde, Ocean´s lévanolo a casa.
Igualmente, o bono de datos da liña móbil aumenta de 1 a 1,5 Xb, sen que se dea un incremento do prezo, entre os clientes de Ocean´s Máis Completo. Por certo que en fixo, todas as melloras que experimenta Ocean´s Máis Básico son igualmente aplicábeis a Ocean´s Máis Completo. E, ademais, tanto nunha opción coma noutra poderemos seguir navegando co noso ADSL á máxima velocidade con 10 Mbps de baixada e 800 Kbps de baixada.

PUBLICIDADE