A galega N-Video leva un curso da USC a Second Life

mércores, 11 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Un dos cursos que ten preparados a Universidade de Santiago (USC) para estes días conta con presenza das novas tecnoloxías da información por partida dupla. É dicir: tanto no fondo (ou sexa, no contido, que xira arredor da Televisión Dixital Terrestre e pola Rede, Comunicación Interactiva e Hipermedia), como pola canle empregada para apoiar a comunicación directa e presencial entre mestres e alumnos, que non é outra que a Rede. A transmisión en liña destes contidos (contidos reforzados finalmente polo propio tipo de transmisión), desenvolvidos polos profesores polos Xosé Soengas e Francisco Campos, vai ser posible grazas á tecnoloxía streaming da empresa galega N-Video e os participantes poderán acceder a eles no eido virtual de Second Life.
Ou sexa, que o que non se aprenda a través das canles convencionais no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación, sede física da actividade, sempre se pode enxergar vía TICs (Rede e teléfonos móbiles), tanto a través dos relatorios e debates habilitados no sitio web do curso como accedendo (como dixemos) ó auditorio virtual en Second Life.
Por certo, que para chegar a este espazo os usuarios deberán procurar a illa “Uvvy2” e teletransportarse a ela. Unha vez aí, haberá que atopar o edificio da “UniversidadSL”, petar na porta para que se abra e dentro del, cruzar o patio e chegar ata o salón de actos.
O curso, que se desenvolve até o 14 de xullo, inclúe sete conferencias e catro mesas de presentación e debate sobre a posta en marcha da nova oferta de TDT en Galiza, a propiedade intelectual e os ciberdereitos, o canon dixital e os cibermedios, entre outros temas. Inaugurarase oficialmente este mércores ás 9.00 horas, contando coa presenza do secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado e do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Miguel Túñez. Segundo informa N-Video, o servizo de streaming que achega a empresa galega permite “a integración de contidos audiovisuais na páxina web do curso de xeito sinxelo e inmediato, empregando software libre e estándares como o MPEG4, que achegan alta calidade de imaxe e son ós visitantes da devandita web da USC e (tamén) ós de Second Life”. A experiencia concreta neste mundo virtual, ademais, deixa ampla marxe ós participantes para que interactúen con outros avatares en Second Life, “sen perder detalle da transmisión en directo”.

PUBLICIDADE