A galega LapiSoft lanza unha pioneira app interactiva sobre xenética hematolóxica

xoves, 12 de maio do 2016 Fernando Sarasketa

A start-up galega LapiSoft, con sede na Coruña, está a impulsar a investigación do noso “código” cunha aplicación pioneira e interactiva sobre xenética hematolóxica (a vertente da xenética que se centra no estudo das doenzas do sangue, achegando recursos para previlas, anticipalas e tratalas). A app móbil, desenvolvida xunto co Grupo Cooperativo Español de Citoxenética Hematolóxica (GCECGH) e o Grupo de Bioloxía Molecular en Hematología (GBMH), ten nome propio, GenHem, e segundo sinalan os seus creadores é a primeira ferramenta interactiva sobre o devandito ámbito da citoxenética que chega aos dispositivos. Está dispoñíbel para Android e iOS. LapiSoft engade que GenHem é froito do traballo de 103 especialistas en hematoloxía e xenética de máis de 35 centros hospitalarios, laboratorios e institutos de investigación estatais.
O seu miolo é un manual de 39 capítulos que recolle tanto a descrición práctica das técnicas empregadas nos laboratorios de xenética e bioloxía molecular, como as principais anomalías citoxenéticas das distintas patoloxías hematolóxicas (OMS), e a súa implicación clínica e terapéutica.
LapiSoft, nova firma integrada por catro emprendedores da nosa terra (Pablo Axeitos, Breogán Amoedo, Fernando Battle e Merce López) e centrada en achegar solucións multisoporte e de eSaúde, informa que o meirande desafío que implicou materializar GenHem foi “trasladar ao formato app uns contidos que por costume soen distribuírse en papel, aproveitando desta volta todo o potencial e as vantaxes que ofrecen as aplicacións para dispositivos móbiles”. Nun termo máis concreto, este ámbito das ferramentas para dispositivos pon en xogo unha serie de factores a ter en conta, factores que LapiSoft enumera e salienta desta maneira: o factor “mobilidade de contido” (este pode consultarse en calquera intre e lugar dende calquera terminal móbil), o factor “imaxes interactivas” (o seu uso, grazas á contorna app, fornece información adicional das distintas partes de imaxe) e o factor “consulta directa durante a lectura” de información complementaria, glosario e bibliografía.
Outra das vantaxes de GenHem, engade a equipa de emprendedores, é que “conta cun potente buscador que permite localizar nun intre toda a información relacionada cun tema concreto, axilizando así a resolución de dúbidas”. A aplicación resultante dispón tamén dun capítulo específico no que se detallan as principais técnicas de laboratorio, un amplo atlas de imaxes (con fotografías, cariotipos e gráficos) e un catálogo de xenes. “O manual”, explican, “supón unha ferramenta de formación e axuda para os especialistas médicos, permitíndolles ampliar os seus coñecementos e habilidades na interpretación de estudos citoxenéticos e moleculares cos que poden atoparse na súa práctica asistencial”. E engaden: “A súa lectura achegará aos especialistas ao coñecemento das metodoloxías usadas no eido da investigación, que a día de hoxe están a incorporarse á área asistencial”.
Por certo que a ferramenta móbil conta co aval da Sociedade Española de Hematoloxía e Hemoterapia (SEHH). Será presentada en Alacante este venres 13 de maio no marco do sexto Simposio Anual do GCECGH.

PUBLICIDADE