A galega Intellectia Bank amplía o seu radio de acción a Castela e León

mércores, 17 de setembro do 2014 Redacción

A firma Intellectia Bank, emprazada na Tecnópole de Ourense e centrada en ámbitos como as novas tecnoloxías ou a biotecnoloxía, vén de abrir novas dependencias no Centro de Empresas de Base Tecnolóxica de León. Estas oficinas, informa a empresa, implicarán non só un incremento do persoal (que arestora é de 15 empregados) senón tamén unha importante ampliación no radio de actividade da compañía. O obxectivo é cubrir de xeito específico os proxectos xerados en Castela e León, co apoio do equipo radicado en Galicia.
Segundo informan os responsábeis da propia empresa, alicerce deste novo movemento de seu é apostar polo equipo humano (un potente equipo de investigadores con alta preparación en enxeñaría) nunha conxuntura xeneralizada de crise. Sinalar tamén que Intellectia Bank está integrada por enxeñeiros de telecomunicacións, industriais, electrónicos, de minas, agroalimentarios e informáticos; expertos en biotecnoloxía, medio ambiente e turismo; e técnicos en administración de empresas e mercadotecnia.
Intellectia Bank é unha empresa dedicada á I+D+i no ámbito da enxeñaría, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e a biotecnoloxía. A súa actividade está especializada no control e xestión a distancia, ou sexa na monitorización, concretamente no deseño e desenvolvemento de sensores.

PUBLICIDADE