A galega Filament2Print lanza o primeiro xogo de cartas do mercado sobre impresión 3D

venres, 4 de decembro do 2020 Fernando Sarasketa

Dende Filament2Print, empresa de ecommerce galega especializada en impresión 3D, veñen de anunciar un importante lanzamento para hoxe: a estrea no mercado dun xogo de cartas divulgativo sobre impresión 3D, que amais de ter carácter pioneiro no panorama comercial, serve para axudarnos a descubrir a manchea de aplicacións que ten o devandito concepto de fabricación por adición, un conxunto de tecnoloxías que, en palabras dos responsábeis de Filament2Print, xa está presente en múltiples sectores (industria, enxeñaría, médico-odontolóxico, aeroespacial...) e que promete “ser fundamental no desenvolvemento tecnolóxico e industrial dos vindeiros anos”. O xogo está ideado en colaboración con outra empresa galega referente no seu sector (Troquel Games) e fabricado tamén en Galicia.
En concreto, trátase “dun orixinal xogo de cartas divulgativo que inclúe unha versión en galego e que está ambientado nunha misión espacial que pretende dar a coñecer as grandes posibilidades e aplicacións da impresión 3D, unha tecnoloxía que xa non é só a base para imprimir maquetas ou figuras decorativas, senón que se está a integrar cada vez máis nos eidos industriais, médicos e odontolóxicos, na enxeñaría e na aeronáutica, entre outros moitos ámbitos”. Un exemplo disto, segundo recorda a firma galega, é o caso da axencia norteamericana NASA, que avanzou recentemente que está a traballar en sistemas de construción de impresión 3D para as súas misións no espazo.
Como dixemos, o xogo xorde da colaboración con outra empresa galega referente no sector dos xogos de mesa (Troquel Games), para “que calquera persoa, sen necesidade de contar con coñecementos previos sobre impresión 3D, poida pasar momentos divertidos a través dunha trepidante misión espacial”.
O obxectivo dos xogadores será conseguir os materiais necesarios para completar e imprimir en 3D diferentes pezas e poder reparar a nave antes da chegada dunha choiva de meteoritos que se achega perigosamente á Estación Espacial Internacional. Mentres tentan converterse nos heroes da misión, descubrirán as diferentes tecnoloxías que existen a día de hoxe no eido da impresión 3D, para que se usa cada unha, que materiais existen e os seus principais características...
O xogo xa está dispoñíbel para a súa compra na tenda online na web da empresa galega en 5 idiomas diferentes (español, galego, inglés, francés e portugués), na que ademais están accesíbeis outros recursos como o deseño da nave espacial do xogo para que calquera usuario que dispoña dunha impresora 3D poida descargalo libremente e imprimilo como un pequeno quebracabezas de 4 pezas.

PUBLICIDADE