A galega Emetel deseña a rede de comunicacións da firma Adolfo Domínguez

xoves, 28 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Con motivo da implantación dunha nova sede central do grupo Adolfo Domínguez no Polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense), Emetel Sistemas vén de levar a cabo o deseño e a execución dun proxecto para a renovación da súa rede de comunicacións adaptada ás necesidades actuais e futuras de devandita firma do téxtil.
Cun investimento superior ós 100.000 euros, a infraestrutura habilitada por Emetel está deseñada para optimizar os recursos de comunicacións, afacéndoos ás necesidades específicas de persoal e servizos da empresa. Neste caso, Emetel apostou por unha tecnoloxía que garante a máxima seguridade e dispoñibilidade nas súas comunicacións, segundo os seus responsables, “xerando un aproveitamento óptimo das ferramentas e recursos da compañía”.
O proxecto abrangue un total de tres edificios e repercute sobre a meirande parte do equipo de traballo, formado por un total de 300 traballadores. O traballo que Emetel levou a cabo comprende o despegue físico da rede, co deseño e a implantación da conexión de cada un dos postos de traballo cos servidores corporativos no centro de proceso de datos e a implantación dos sistemas de comunicación, que permiten o acceso dos usuarios a distintos sistemas e aplicacións.
Este sistema, que funciona a través da plataforma Secure Networks, facilita o control das aplicacións en todo intre e garante a seguridade do usuario final.

PUBLICIDADE