A galega Emetel consolídase como unha das empresas líder do sector TIC galego

martes, 27 de abril do 2010 Raquel Noya

Emetel Sistemas, unha empresa galega especializada en solucións de comunicación e sistemas de redes, vén de facer públicos os seus resultados económicos do pasado ano e o certo é que, segundo afirman, “consolidan a súa posición como unha das empresas líder do sector TIC en Galicia”.
Tanto polas cifras de beneficios, como pola súa aposta pola especialización, a eficiencia e a innovación en cada un dos seus proxectos, Emetel vén de converterse nun “socio tecnolóxico” que lles permite aos seus clientes reducir custes e centrarse unicamente no seu negocio, sen ter que preocuparse pola área tecnolóxica da que se encarga Emetel.
Cunhas cifras de negocio que se achegan aos 3.000.000 euros, o crecemento de Emetel en relación ao exercicio 2008 ascende a un 7 por cento e acada unha rendabilidade do 12 por cento, un 4 por cento máis que o ano anterior.
Asemade, no tocante a un dos aspectos que máis nos interesa dende o punto de vista social, Emetel aumentou a súa plantilla nun 12,5 por cento, ata un total de 36 empregados, investindo un total de 87.583, 34 euros nun plan de formación dirixido a tódalas áreas da compañía.
Entre os proxectos cos que esta entidade galega colaborou ao longo do pasado exercicio destacan os de empresas e entidades públicas como Vegalsa, Finsa, o Porto de Ferrol, Navantia ou o Concello de Lugo, que contaron con Emetel para o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos moi diversos.
Tamén destaca a colaboración con AENA ou Lantero, así como con Turgalicia, con quen abordou un proxecto integral que incluía, entre outras cousas, a renovación completa da súa rede, orientada a unha maior eficiencia e á mellora en termos de capacidade, flexibilidade, acceso e seguridade tanto en accesos á Rede fixa como á inarámica.
En resumidas contas, Emetel leva quince anos no mercado desenvolvendo proxectos cun alto grao de especialización, que a posicionaron como “referente á hora de acometer a posta en marcha de calquera proxecto de envergadura”.
Segundo palabras de Manuel Lago, xerente de Emetel Sistemas, “traballamos coa finalidade de que as nosas solucións supoñan unha mellora na produtividade e na competitividade dos nosos socios e clientes, ao tempo que supoña un aforro de custes inducido pola innovación e tecnoloxías avanzadas que aportamos específicamente en cada caso”.

PUBLICIDADE