A galega Emetel acadou en 2006 un crecemento na facturación do 12,5%

martes, 27 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A empresa galega Emetel (con sede na Coruña e especializada en desenvolvemento de solucións tecnolóxicas) vén de facer reconto do acadado ó longo do ano que vimos de deixar atrás en materia de crecemento. Así, segundo informa nun comunicado, o exercicio 2006 pechouno cunha tendencia alcista en boa parte dos seus parámetros, como por exemplo o da facturación, que foi de 1,8 millóns de euros e que constitúe unha subida do 12,5% con respecto ás cifras do ano anterior. Respecto á cuestión do investimento (que segundo a propia empresa é chave para ofrecer solucións competitivas nun sector tan dinámico como o das TIC), Emetel puxo en xogo un volume de 107.000 euros en materia de investigación e deseño de ferramentas tecnolóxicas.
Asemade (continúa o informe da empresa galega), os labores de consultora estratéxica en novas tecnoloxías da información foi outro dos vieiros clave de Emetel no ano pasado, completándose co afianzamento de estratexias baseadas na formación (converxencia IP, seguridade e mobilidade), eido no que a firma da Coruña chegou a investir até 72.000 euros. A xuízo de Manuel Lago, director de Emetel, “neste exercicio cómpre salientar sobre todo o incremento do valor engadido dos nosos servizos, que pasou dun 40 a un 53%; téndose consolidado tamén a nosa presenza en sectores como o portuario a través das nosas iniciativas en Ferrol e Celeiro e do proxecto de rede corporativa do Grupo Navantia en toda España”.

PUBLICIDADE