A galega Dexga mostra as posibilidades de Signen no evento europeo máis referencial do eido blockchain

martes, 29 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Captura da aplicación Signen da firma galega TecalisA plataforma galega Signen, tecnoloxía que permite asinar acordos entre dúas ou máis persoas a través de diferentes xeitos (algúns deles tan innovadores como os formatos de audio ou de vídeo), está presente estes días no evento sobre sistemas blockchain máis referencial de Europa (e un dos máis importantes do mundo), o BlockShow Europe, que se celebra até hoxe en Berlín (Alemaña). Como lembraremos, Signen vén da man do grupo galego Dexga Technologies (conformado por Tecalis, Signen e Dexga) e, segundo informan fontes da compañía, trátase da única presenza da nosa terra no acontecemento de Berlín, unha das principais palestras europeas en materia de deseño e desenvolvemento de servizos fintech e blockchain e da aplicación destes servizos en industrias de vangarda de todos os sectores: IoT (Internet of Things), Intelixencia Artificial, ciberseguridade, comercio, finanzas, etc.
Ademais, segundo informa Dexga, a conferencia dará a benvida a representantes de bancos centrais e estruturas gobernamentais que compartirán as súas experiencias e plans para aproveitar as posibilidades que as tecnoloxías blockchain poden ofrecer. Entre os relatores que están a participar activamente en BlockShow atópase Jimmy Wales (o gran impulsor da Wikipedia, e unha das “100 persoas máis influentes” segundo a revista Time) ou Johanna Maska (ex-xefe do Departamento de Prensa da Casa Branca para o presidente Barack Obama).
Dexga, pola súa banda, está a salientar no evento as vantaxes e posibilidades de Signen. Por exemplo: é unha plataforma para acordos doada de empregar (bota man da mesma filosofía accesíbel que WeTransfer, adoptando a seguinte metodoloxía: modelo open cun email do emisor, email do/os receptor/es, documento que se adxunta, elixir método de sinatura-aceptación e validación final da firma) e destaca tamén pola versatilidade (pode empregarse para contratos privados entre persoas, pode usarse entre empresas e tamén inclúe unha API aberta que permite integrar Signen cos programas de xestión da nosa compañía).
Lembrar tamén que a plataforma está elaborada con tecnoloxía blockchain, que garante a máxima seguridade, e é de balde. Pode usarse en versión web ou en versión aplicación móbil para dispositivos con iOS ou con Android.

PUBLICIDADE