A galega CampusMVP presenta os seus cursos ante centos de profesionais de Silicon Valley

venres, 22 de febreiro do 2013 Redacción

Unha das edicións das xuntanzas PASS SQL

Entre as iniciativas galegas que máis están a dar que falar, e nunca mellor dito, nos centros tradicionais de desenvolvemento TIC atópase CampusMVP.net, marca posta en marcha dende o seo de Krasis para estender o máximo posíbel o seu radio de acción en materia de formación de programadores. Unha actividade na que se aposta de cheo pola fala inglesa que, queirámolo ou non, segue a ser a que se emprega en puntos estratéxicos de crecemento como o estado de California, en Estados Unidos. Nesas terras, precisamente, está a centrar unha boa parte da súa actividade CampusMVP, participando en eventos como por exemplo o PASS SQL, organizado en San Francisco esta fin de semana, onde a firma galega terá a oportunidade de darse a coñecer ante arredor duns 700 programadores de Silicon Valley.
Nesta xuntanza profesional, no transcurso da cal desenvolveranse relatorios simultáneos relacionados con SQL Server 2012 ou Business Intelligence, CampusMVP concorre como patrocinador de bronce, coa oportunidade de amosar aos asistentes, de primeira man, os cursos que ofrece este proxecto de formación en liña de Krasis en inglés, seguindo o ronsel de encontros profesionais previos como o mantido hai pouco con outros 800 desenvolvedores en Fladotnet Code Camp 2013, que se levou a cabo hai dúas semanas en Florida, EE UU. Lembrar que o Fladotnet Code Camp 2013, coordinado polo prestixioso desenvolvedor norteamericano Dave Noderer, veu da man dun grupo de voluntarios do sector achegando 90 conferencias sobre cuestións como Windows 8, Windows Phone 8, ASP.NET, Javascript, JQuery, Visual Studio 2012, MVC Framework, Sharepoint 2013 e SQL Server 2012.
Ademais de contar con participación nestes dous eventos, CampusMVP concorrerá no Sétimo Simposio Latinoamericano de Sharepoint en Costa Rica, da man dos autores do libro SharePoint 2013 de principio a fin: Gustavo Vélez, Juan Carlos González e Fabián Imaz. Asemade, a iniciativa galega participou nunha das celebracións máis importantes que se organizan arredor das ferramentas e os achados de Microsoft, a Party with Palermo en Seattle, Estados Unidos. “Todas estas actividades”, informan fontes da firma galega, “veñen dadas polo medre da marca no mercado anglosaxón e latinoamericano, tras a internacionalización de Krasis, empresa de formación online para programadores Microsoft en España, e propietaria das marcas campusMVP.é e campusMVP.net”.

PUBLICIDADE