A galega CIE Tecnologías encargarase da vindeira sesión demostradora do CDTIC

luns, 19 de marzo do 2012 Raquel Noya

O vindeiro mércores 21 de marzo, o Centro Demostrador TIC de Santiago de Compostela vai acoller unha nova sesión demostradora coa que dar conta de solucións tecnolóxicas á medida das necesidades das persoas interesadas, desta volta na análise e solucións de Intelligent Datacenters ou Centros de Proceso de Datos.
A sesión vén da man da empresa galega Cie Tecnologías e vai dirixida ás persoas responsables da área TIC daquelas empresas que dispoñan dun CPD ou teñan prevista a súa instalación, é dicir, aqueles espazos nos que se concentran os recursos necesarios para o procesamento da información dixital dunha organización ou empresa.
A xornada, que coma de cote é de balde, dará comezo a partir das 10:00 coa descrición de solucións e elementos que forman parte dun Centro de Procesamento de Datos (CPD ou Datacenter) e afondará no seu deseño a través da solución InfraStruXure de APC.
A continuación presentarase a ferramenta de monitorización LANSense, que é un Sistema de xestión Intelixente de infraestruturas TI dentro dun Datacenter, e realizarase unha demostración en liña do seu funcionamento.
A sesión rematará coa visita a un Datacenter real en produción, onde se exporá o proxecto implantado no mesmo e onde os asistentes poderán comprobar de primeira man os sistemas e conceptos desenvolvidos ao longo da mañá.
As prazas dispoñibles están condicionadas ao aforo do local e cubriranse por estrita orde de inscrición na web oficial do Centro Demostrador TIC.
A encargada de levar a cabo esta sesión, a empresa galega CIE Tecnologías, ofrece infraestruturas e enxeñaría que deseña e implementa de primeira man en todo tipo de sistemas e con variadas prestacións e finalidades.
A firma, asemade, ofrece un completo abano de servizos que comprenden o ciclo de vida completo de proxectos de redes e infraestruturas de comunicacións: enxeñería, comunicacións, infraestruturas, fibra óptica, cableados estruturados e especiais.

PUBLICIDADE