A galega Balidea abre unha nova convocatoria de bolsas para titulados universitarios

martes, 23 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

A empresa galega Balidea, da que falamos o verán pasado para dar conta das súas novas propostas para levar as máis modernas tecnoloxías de comunicación e formación ás nosas escolas rurais, está a presentar a súa convocatoria de bolsas, edición 2013, para tituladas/os e universitarias/os. Esta proposta, cuxo prazo para a presentación de solicitudes remata o venres 3 de maio, é xa a cuarta destas características (bolsas de seu para favorecer a inserción laboral da nosa mocidade) que pon en xogo a compañía galega. Destínanse, máis polo miúdo, a estudantes de último curso ou que teñan rematado recentemente as carreiras de Informática, Física ou Telecomunicacións. Esta nova convocatoria 2013 preséntase baixo un epígrafe que fala por si só: Únete a nós.
A idea de Balidea é, amais de impulsar a inserción laboral nuns tempos en que vén como auga de maio, apostar pola formación. O factor formativo, inciden os responsábeis de Balidea, é fundamental e, en certa maneira, imprescindíbel para accedermos ao mercado laboral. Con todo, non abundan precisamente as ocasións para acadar esta experiencia alén das clases e de diferentes escenarios teóricos que, por moito que se tente, non chegan a fornecer unha imaxe real do que é o día a día dunha empresa TIC. “Dende a nosa firma queremos promover un programa de formación práctica para incentivar a inserción laboral de mozos e mozas universitarios/as”, explican, e engaden: “A través das bolsas 2013, a empresa apoia a formación de moitos mozos que non tiveron a oportunidade de completar a formación teórica con proxectos prácticos semellantes aos que se atoparán no seu futuro profesional”. Lembrar que desde o ano 2006 Balidea desenvolveu plans de carreira profesional para máis dun cento de persoas que se foron incorporando á organización en diferentes intres.
Sinalar que estamos a falar dunha empresa galega especializada no deseño, desenvolvemento e integración de software de xestión, desenvolvemento web e plataformas de eAdministración. Desde o ano 2002 presta estes servizos tanto no eido das institucións públicas coma no da empresa privada e está integrada por un equipo de profesionais implicados na mellora continua da organización e en ofrecer aos seus clientes servizos da mellor calidade, explican os seus responsábeis. E engaden: “Balidea vén apostando firmemente, desde o seu nacemento, por plans de formación axustados ás necesidades reais do sector no que desenvolve a súa actividade”.
10 prazas
Neste intre ofrécense 10 prazas para desenvolver traballos baseados na análise, deseño e desenvolvemento de sistemas de información en diferentes tecnoloxías en calquera das tres oficinas das que dispón Balidea en Galicia: A Coruña, Santiago ou Vigo. As bolsas terán unha duración de 6 meses prorrogábeis, coa posibilidade de incorporarse ao persoal da empresa unha vez rematado o período con resultados favorables, e contarán cunha remuneración de 700€ brutos ao mes (regulación ao abeiro do disposto na Lei 27/2011, RD 1493/2011) As persoas interesadas deberán mandar o seu currículo con foto, xunto cunha copia simple do expediente académico a través do apartado Únete a nós da páxina web da compañía antes do venres 3 de maio.

PUBLICIDADE