A galega Ayco adapta a súa solución de bolígrafo dixital a BlackBerry 10

xoves, 31 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A empresa galega Ayco, especializada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que faciliten o traballo dos seus clientes en boa medida grazas ao aproveitamento e á innovación a través do desenvolvemento web e móbil, o comercio electrónico, a integración de sistemas e as redes sociais, continúa na súa liña e, só un día despois da presentación oficial de BlackBerry 10 (BB10), anuncia que preparou a plataforma da tecnoloxía de bolígrafo dixital BlackPen para que soporte o novo sistema operativo móbil, demostrando así o seu compromiso de actualización e incorporacións das últimas novidades tecnolóxicas para optimizar os seus produtos e servizos.
Dende Ayco levan tempo facendo un seguimento de BB10, participando de eventos como o BlackBerry World, polo que xa levan meses traballando no desenvolvemento de actualizacións de solucións como BlackPen. Lembremos que BlackPen é un produto que permite transmitir todo o que se escribe nun papel a un sistema informático en tempo real, replicando o documento manuscrito orixinal e os datos ou accións que se inclúan ao cubrir a folla, trasladando unha operativa tradicional ao contorno dixital dun xeito que non modifica as rutinas de traballo, pero axiliza os procesos de captación de datos.


Demostración do funcionamento de BlackPen con BlackBerry 10

PUBLICIDADE