A galega Ártabro Tech amosa en Santiago os seus achados en aprendizaxe das máquinas

venres, 8 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro 12 de xuño imos ter unha nova xeira de presentacións de tecnoloxías avanzadas en Santiago. Trátase, máis polo miúdo, dunha xornada organizada pola empresa Saytel, socia de IBM, na que, coincidindo co trinta aniversario do sistema AS/400, mostraranse as potencialidades dos novos microprocesadores POWER9 da devandita multinacional. A cita será no San Francisco Hotel Monumento, ás 09.30 horas, e a clausura está prevista para as dúas da tarde. No encontro participarán empresas e profesionais da nosa terra dando conta das súas experiencias en materia de arquitecturas e sistemas innovadores. É o caso da ferrolá Ártabro Tech, centrada no ámbito das solucións de Intelixencia Artificial e ML e que estará representada polo seu director técnico, Alejandro Casteleiro.
Polas súa banda, Saytel exporá as capacidades e rendementos que ofrece a gama Power9, equipamento elixido por Google para os seus centros de datos e que salienta por fornecer dunha arquitectura especialmente funcional para operacións de Intelixencia Artificial e Machine Learning (aprendizaxe das máquinas).
Volvendo a Ártabro Tech, sinalar que se trata dunha empresa de alicerce tecnolóxico cuxas capacidades focalízanse no deseño de solucións para a Industria 4.0. A firma desenvolveu unha innovadora ferramenta, Legato, para a aplicación e posta en marcha de software que integre datos masivos (Big Data), aprendizaxe das máquinas, visión artificial e Internet das Cousas (IoT), ofrecendo, nas súas palabras, “desenvolvementos a medida do cliente no mínimo tempo e coa máxima eficiencia”.
Respecto dos ditos microprocesadores POWER9 de IBM, son a evolución da arquitectura PowerPC, que foi o miolo de moitos dispositivos Apple, da consola Wii ou mesmo da PS3. POWER é o acrónimo de Performance Optimization With Enhanced RISC. Entre a características clave da nova familia “9” salientan as seguintes: ofrecen até 24 núcleos de procesamento e unha alta capacidade para funcionar cunha ampla gama de GPU e circuítos integrados de aplicación específica (ASIC) para un rendemento máis rápido.

PUBLICIDADE