A galega Anna María López presenta unha completa obra sobre o cazador dixital de tendencias

venres, 2 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

A deseñadora galega Anna María López López, da que xa temos falado nesta web para informar das súas achegas sobre CorelDraw ou sobre moda por computador, vén de anunciar a publicación dunha nova obra sobre métodos de albiscar as diferentes feituras que vai adoptar o universo da creatividade a curto, medio e longo prazo. O libro, que vén da man de Anaya Multimedia, preséntase co título Coolhunting digital, a la caza de las últimas tendencias e, como se indica o seu nome, constitúe un recurso de primeira para ampliar coñecementos en materia de análise e predición dos rumbos a seguir polo deseño e a comunicación.
Nos últimos anos”, informa a autora, “a investigación das tendencias converteuse nunha ferramenta clave para todo tipo de sectores e neste contexto as firmas máis innovadoras adiántanse á competencia grazas ao coolhunting e á figura do coolhunter, que é o cazador de tendencias”. Este labor é desenvolvido por un tipo de profesional en auxe, que desenvolve as tarefas de localizar e acubillar as que serán as vindeiras apostas e rumbos en diversos sectores como o deseño, a moda, o interiorismo, a comunicación ou a tecnoloxía. Esta tarefa de achegamento ao futuro inmediato a través dos recursos máis eficaces e axeitados pode ser decisivo, coméntanos Anna María, para moitos profesionais do sector, “xa que lles vai permitir coñecer antes que ninguén o que se vai levar ou o que van adoptar os futuros clientes”.
O libro, informa a súa autora, achega unha visión profesional, próxima, realista e “moi práctica” do coolhunting realizado con medios dixitais, denominado coolhunting dixital ou coolhunting 2.0. Esta nova figura do cazador de tendencias é un profesional que, por así dicilo, ten meirandes posibilidades de coñecelo todo sen que lle sexa preciso viaxar de xeito constante. O coñecemento vén a ela ou el.
En palabras de Anna María, “antes, o coolhunter debía estar de xeito permanente viaxando para buscar os indicios de tendencias a pé de rúa en cidades como Londres, Os Ánxeles ou Tokio; agora mediante Internet é posible acceder ás últimas tendencias, seguir a trendsetters e innovadores, monitorizar o sector da moda, analizar os últimos eventos mediáticos, descubrir os estilos máis vangardistas localizados nas rúas das cidades máis influentes e un longo etcétera”. O libro é tamén unha guía de viaxes polo gran potencial da nova comunicación, a comunicación dixital, no que se refire á busca de toda aquela semente creativa de asegurado crecemento. Ou sexa, que nas páxinas do libro teremos a posibilidade de descubrir coñecementos que logo poderemos aplicar no ámbito profesional e persoal, “logrando estar ao día das últimas tendencias e do que acontece no panorama cool internacional”.
A obra conta coa participación e colaboración de numerosos profesionais e expertos do sector do coolhunting e da análise de tendencias que a modo de entrevista, achegan a súa experiencia particular e a súa definición persoal do fenómeno COOL.

PUBLICIDADE