A galega Altia asina un importante acordo con Vodafone

venres, 18 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Altia, especializada en servizos de consultoría tecnolóxica, vén de facerse co centro de datos que a operadora Vodafone mantiña en Vigo. A operación, que foi posible grazas á sinatura dun contrato duplo de servizos de case 32 millóns de euros, será unha oportunidade para a firma galega no que a impulso e reforzamento da súa estratexia de negocio se refire. De feito, cómpre sinalar que Altia debutou en decembro de 2010 no Mercado Alternativo Bursátil, MAB, e que arestora está vixente o seu Plan de Negocio 2010-2012, unha estratexia presentada perante os investidores que amplía por intres o seu abano de actividade.
Así, o acordo duplo con Vodafone é froito dunha busca por optimizar e desenvolver aínda máis a liña de negocio de outsourcing (entre outras), que é como se coñece á subcontratación de funcións de procesos en provedores de servizos.
A estratexia establecida con Vodafone ten dous eixes. Por unha banda, e segundo nos conta Xornal.com, supón a transferencia a Altia do centro de datos de Vodafone, implicando este proceso a asimilación das instalacións, o equipo humano implicado de xeito directo e os clientes aos que a operadora achegaba servizo en materia de housing, un aloxamento web que incorpora o aluguer ou adquisición dun emprazamento físico do data center. Esta operación valorouse en 2,6 millóns de euros, a pagar por Altia en varios prazos até 2013. Polo que atinxe ao segundo eixe, dicir que se basea na achega directa de servizos dende a empresa galega cara á operadora de telecomunicacións, un acordo por valor 31,688 millóns de euros, habilitado para seis anos e que implicará o subministro de aloxamento ou servizos avanzados de operación e mantemento, entre outros.

PUBLICIDADE