A galega Aitire formaliza un acordo de colaboración con eBox

martes, 15 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

A compañía galega Aitire vén de formalizar un acordo de colaboración con eBox para subministrar a súa experiencia no achegamento e implementación de ferramentas como o eBox Plattform, servidor de rede unificada de software libre para o eido da empresa e especialmente dirixido a provedores de servizos informáticos e de asistencia técnica. Segundo conta o Centro Mancomún facéndose eco da sinatura do acordo, este situaría á compañía galega como membro do programa de parceiros autorizados, entre os que se contan empresas como Arca, con sede en Singapur ou MCL Solution (Venezuela), que tamén formalizaron hoxe cadanseus pactos de colaboración con eBox.
Para a empresa galega, que participou no curso de formación de eBox que Mancomún (en colaboración con AGASOL) desenvolveu en decembro, o achegamento a eBox ten un elevado potencial para os seus servizos: "Estabamos a buscar unha solución que nos permitise aforrar tempo nos despregues de infraestruturas TIC que realizabamos para os nosos clientes e despois de ter probado numerosas solucións, eBox Plataform foi a clara vencedora", comenta o director de vendas de Aitire, Alejandro Escobar.
Cómpre sinalar que os colaboradores de eBox, polo feito de selo, contan con licenza para acceder sen límites ao eBox Control Center, que posibilita entre outras cousas o control, xestión e almacenamento dunha gran listaxe de instalacións da ferramenta Plattform en tempo real.

PUBLICIDADE