A galega Adiante Ventures presenta un innovador servizo para universalizar a creación de aplicacións móbiles
venres, 21 de decembro do 2012
Adiante
Ventures, empresa galega que xa
ten pasado por Código Cero para amosar o seu sistema para formalizar
reservas de taxi a través do móbil, presentou estes días un
novo servizo de seu, innovador e potencialmente moi produtivo para
todas aquelas persoas que estean a piques de cruzar a liña de
usuaria para meterse na pel de deseñadoras-programadoras. Falamos de
Adiante Apps, unha
estratexia que permite a creación de aplicacións móbiles “de
xeito sinxelo, barato e sen necesidade de contar con amplos
coñecementos de programación”.
Para
facernos unha idea da súa transparencia e simplicidade, no mellor
senso do termo, Adiante Ventures sintetiza o miolo de Adiante Apps
nun
vídeo en liña de pouco máis de un minuto de duración, onde se
nos dan os pasos a seguir para tirarlle partido e as
áreas produtivas onde máis posibilidades ofrece: pequenas e
medianas empresas, negocios de hostalería, comercios, lugares de
lecer, centros educativos, conxuntos musicais e mesmo agrupacións
deportivas (na liña do club Sociedade Deportiva Castroverde, que
publicou recentemente a aplicación de seu, feita sobre o alicerce
deste servizo de Adiante). A intención de Adiante Ventures é
pór ao alcance da comunidade internauta tecnoloxía de calidade e
accesíbel económica e tecnoloxicamente, punto de
abondo importante se temos en conta as
estreiteces de orzamento polas que estamos a pasar.
“Até agora”,
explícanos Juan Manuel Merlos, un dos fundadores da empresa, “para
ter unha aplicación móbil precisabamos contratar un equipo de
desenvolvedores e desembolsar unha importante cantidade de diñeiro;
pola contra, nós introducimos unha innovación no modelo de negocio
e popularizamos o servizo, facilitando que moitas persoas poidan
crear tamén a súa dunha forma económica”, engade.
O sistema ten xeitos de
afinar a puntería coa achega de cada quen, igual de económicos.
Así, a proba do servizo de Adiante Apps faise mediante outra
aplicación móbil da mesma empresa, Adiante Drafts, que se instala
sen custe algún. “Esta previsualización do que vai ser a
aplicación final é moi importante”, explican dende a empresa
galega, “xa que o que se ve é o que se vai a publicar, sen
sorpresas”. O pago só se produce cando o creador decide que a
súa aplicación estea dispoñible na App Store e Google Play, para
iPhone e Android, respectivamente. Adiante Apps encárgase de todo o
trámite e avísache cando estea lista, explícan. Asemade, din, “as
aplicacións realizadas con Adiante Apps permiten cambios posteriores
á súa publicación de forma gratuíta; só hai que entrar na
plataforma e engadir ou quitar módulos ou contido”. Aqueles
que teñan as aplicacións nos seus teléfonos móbiles recibirán a
actualización de maneira automática, directamente e sen instalar
nada.
O proxecto
A idea xurdiu, informan
dende a firma galega responsábel da iniciativa, porque a maioría
das empresas que pedían orzamento para facerse unha aplicación a
medida con Adiante Ventures solicitaban funcionalidades para as súas
aplicacións moi semellantes, de aí naceron os módulos
predefinidos. “A tecnoloxía debe ser unha prioridade para
calquera empresa, mesmo para pequenas tendas. Cremos que co noso
servizo poñemos ese investimento ao alcance da man”, conclúe
Merlos.