A galega Aceluz desenvolve unha aplicación móbil para axudarnos a aforrar na factura eléctrica

mércores, 18 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Aceluz Solucións Enerxéticas, empresa con sede na Coruña e especializada en servizos e ferramentas avanzadas de eficiencia enerxética, vén de anunciar o desenvolvemento de Efitime, unha aplicación para Android e iOS que permite coñecer cada hora o prezo da luz e deste xeito estarmos en maior e mellor disposición para aforrar enerxía, un ben, por certo, do que cada vez hai máis fogares e empresas excluídas (a chamada fenda enerxética, unha brecha que medra a pasos axigantados coa crise e co incremento do prezo dos servizos das grandes empresas do sector).
Segundo confirman os responsábeis da ferramenta, esta responde a unha serie de demandas e necesidades concretas por parte dos cidadáns e o sector produtivo. Necesidades que se suman a unha situación, a actual, na que entran en xogo “novos cambios normativos de tarificación enerxética que provocan unha gran incerteza entre os consumidores”. Así, sinalan, “o sistema de poxa diario é descoñecido para a maioría deles e é difícil saber como facer un uso máis eficiente do consumo enerxético”. Aí entra en xogo precisamente Efitime, “unha aplicación para móbiles onde se pode consultar o prezo da enerxía en tempo real e onde podemos informarnos das diferentes tarifas para todas as horas do día”.
Ao fío do devandito, cómpre lembrar que a aplicación actualízase de xeito automático todas as noites tras a poxa enerxética para as seguintes 24 horas. “Sabendo canto nos custa a luz a tempo real e coñecendo cales serán as horas máis económicas do día”, explican os creadores da aplicación, “os usuarios poderán planificar o seu consumo enerxético programando a que hora pór a lavadora, o lavalouzas ou calquera outro electrodoméstico”. Deste xeito, estaremos en disposición de optimizar ao máximo o consumo da nosa factura. En termos concretos, poderemos chegar a rentes dunha redución do 30% no consumo mensual.
Por certo que a descarga de Efitime é totalmente de balde e está dispoñíbel para todos os dispositivos Android e IOS.

PUBLICIDADE