A galega AS Computer celebra o seu 20º aniversario con sorteos e agasallos

xoves, 9 de xuño do 2011 Raquel Noya

Co lema “É o noso aniversario pero valo celebrar ti”, as tendas AS Computer de Santiago de Compostela e Vigo, van conmemorar os seus primeiros 20 anos sendo a tenda oficial Apple no noso país, cunha xornada de festa na que haberá sorteos, agasallos e promocións para tódalas persoas asistentes.
O evento terá lugar este venres, 10 de xuño ás 18:00 horas, nas tendas de AS Computer en Compostela, na Avenida de Barcelona, nº4; e de Vigo, na Porta do Sol, 9.
Esta empresa, fundada en xuño de 1991 en Santiago de Compostela, leva dúas décadas distribuíndo e comercializando material da firma da mazá, e despois de ter sido Distribuidor e Servizo Técnico Autorizado, e posteriormente, Apple Centre, á empresa galega foille concedido o Apple Premium Reseller (APR) de Apple, status adquirido “por terse superado cada día con novos retos”, aseguran.
Agora estas tendas, centradas principalmente en Mac e iPad, ofrecen o máis amplo abano de software e accesorios, con demostracións de produto e atención continuada para os seus clientes de todo o país, así como seminarios e relatorios de balde sobre fotografía dixital, edición de vídeo ou deseño gráfico e música coas aplicacións Apple.

PUBLICIDADE