A galega AIG presenta unha aplicación de xestión que facilita mobilidade total a un prezo accesíbel

martes, 8 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa viguesa AIG (Asesoría Informática Galega), anuncia estes días o lanzamento do que sería, nas súas propias palabras, “o primeiro software que lle concede ao usuario unha total mobilidade”. E todo, engaden os responsábeis da firma, de xeito cen por cen seguro e a un prezo accesíbel para todo tipo de profesional ou negocio. Estamos a falar de ClassicAIR 5.0, un recurso que polo alcance das súas funcións e polas vantaxes de accesibilidade económica que pon en xogo, amosa unha vez máis o potencial do noso tecido TIC á hora de achegar importantes ferramentas de xestión. Entre as súas achegas de valor inclúese a seguinte: permite traballar de xeito simultáneo a través da web.
O software, do que xa podemos ver un vídeo explicativo para introducírmonos nas súas funcionalidades, preséntase baixo o seguinte epígrafe: Donde estas tú, está tu empresa. Esta mensaxe resume en boa medida o obxectivo de AIG, que, con este programa tiña o obxectivo de fornecer ás empresas dun sistema que permítese a mobilidade total e que garantise, ao mesmo tempo, unha conexión absolutamente segura. “Non existen espazos virtuais intermedios como a nube”, engaden, “garantindo a seguridade de que non se vai perder operación algunha durante a conexión, xa que os datos non se moven do equipo informático onde está instalado o programa orixinal”. ClassicAIR, versión 5.0, permite ademais conectar varias tendas de xeito simultáneo. Asemade, informa AIG, non precisaría grandes investimentos en VPN nin en IP fixas, “como até o de agora se viña facendo dende as empresas que necesitaban compartir os seus datos”. E engaden: “A conexión é sinxela e económica, aforrando moitos custes fixos”.
ClassicAIR 5.0 e o programa de xestión ClassicGes 5.0 que o complementa achégase no mercado por 160 euros (79,90 euros cada programa), un custe que a xuízo da empresa galega é moi inferior ao que temos ao noso alcance no mercado medio do software para a xestión dunha empresa.
Outra das vantaxes deste programa, puntualiza a empresa, reside na súa versatibilidade. Esta, explica, “optimiza a xestión sen importar a envergadura da compañía, xa que a mobilidade beneficia tanto á xornada dun autónomo como a coordinación de empresas grandes con moitos traballadores”.
ClassicAIR 5.0 opera sobre computador e dende dispositivos móbiles como iPad ou Smartphone, empregándose sobre Windows, Mac OS, Android ou Linux, e, tamén, cos navegadores de uso máis frecuente. Asemade, informan, é compatíbel cos empregos máis universais, “xa que está desenvolvido con linguaxe HTML 5 e Java Script”.

PUBLICIDADE