A gala dos Oscars viviuse intensamente na Rede

luns, 25 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Ben Affleck protagonizou un dos momentos máis comentados da noite en Facebook

A pasada noite boa parte do mundo dirixía as súas miradas a Los Angeles, por mor da entrega dos Premios da Academia, que chegan á súa 85ª edición, demostrando unha vez máis que as plataformas sociais baseadas na Internet son ideais para complementar a este tipo de eventos en directo, o que a propia organización dinamizou propondo que o público votase polos mellores vestidos da alfombra vermella a través de Twitter (onde destacaron a elegancia de Jennifer Aniston e Jennifer Lawrence) á vez que aproveitaban Twitter como fonte de comentarios e fotografías para seguir a gala en tempo real (amosando así moitas imaxes do que acontecía fóra dos focos). Dende o blog de Twitter tamén quixeron facer un repaso do máis destacado da gala na súa plataforma.
Tamén xogou un bo papel na noite o buscador Google, que preparou unha páxina web para facilitar o seu seguimento e atreveuse a publicar unha predición dos gañadores das principais categorías baseándose nas buscas na Internet, chegando a atinar en 4 das 6 categorías analizadas (mellor película, mellor actriz principal, mellor actriz secundaria e mellor actor secundario).
Dende Facebook tamén quixeron analizar o impacto dos Oscars entre os seus usuarios, para coñecer os momentos que máis comentario, as súas películas favoritas segundo a súa idade os filmes máis populares... deixando claro que Los Miserables e Django Desencadenado dominaban en Facebook, aínda que durante a entrega de premios foron Ben Affleck e a súa Argo os momentos máis destacables.

Inocente é o primeiro proxecto de Kickstarter en levar un Oscar

Un detalle tamén relacionado coa Internet que podería pasar algo desapercibido é o feito de que a curtametraxe documental Inocente, que conta a historia dunha moza sen fogar que quere ser artista, é a primeira película financiada a través de Kickstarter en facerse cunha das estatuiña da Academia. A primeiros de ano dende Kickstarter deron conta que a súa plataforma serviu para achegar máis de 100 millóns de dólares a proxectos cinematográficos independentes.
E, continuando con primeiras veces, este ano tamén será a primeira ocasión na que a gala dos Oscars poderá verse completa (por tempo limitado) a través da Internet, concretamente nas plataformas ABC.com, a aplicación móbil da ABC, ABC On Demand, Hulu e Hulu Plus. Por desgraza, este tipo de emisións están limitadas xeograficamente.

PUBLICIDADE