A futura guía empresarial online de Ames xa conta cos datos dun milleiro de negocios

xoves, 3 de marzo do 2022 S. P.

O traballo despregado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio de Ames no camiño de elaborar unha Guía de Empresas e unha aplicación móbil que faga accesíbel, actualizada e inmediata esta información segue a dar importantes avances. Neste intre, de feito, xa se recolleron datos de 1.000 empresas do comercio e hostalaría dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Farase unha segunda quenda de recollida de información para falar cos propietarios/as de empresas que estaban pechadas no momento en que tratou de falar con eles/as. En marzo farase a recollida de datos en negocios do rural.
Esta listaxe de empresas servirá tanto para que poida ser empregada pola veciñanza de Ames, para buscar posíbeis empresas que lles poidan interesar con vistas a obter un servizo, así como para que a propia Administración local coñeza empresas que poidan participar en procesos de licitación de servizos municipais.
O traballo de recompilación de datos estase a realizar nun período de tres meses. Comezou o pasado 17 de xaneiro e rematará a mediados do mes de abril. Aínda así, todas aquelas empresas, profesionais e negocios que agora non acheguen os seus datos, poderán facelo noutro momento. “Trátase dun proceso de actualización aberto e continuo no tempo”, explicou o Concello.
Como dixemos, o resultado será unha Guía de Empresas dixital, que estará incluída nunha aplicación móbil do comercio local e que poderá ser consultada a través dos dispositivos da cidadanía en calquera intre.
Na guía proporcionaranse indicadores para a configuración dun inventario dos recursos socioeconómicos e do seu estado e evolución tendencial. Así mesmo, a recollida de información da enquisa valerá para detectar as necesidades de formación, actualización ou aplicación das novas tecnoloxías na comercialización, loxística e difusión do tecido empresarial.

PUBLICIDADE