A formación europea en Intelixencia Artificial colle corpo na Universidade da Coruña

luns, 24 de maio do 2021 S. P.

O alumnado do Solki center Velenje de Eslovenia visitou este luns as instalacións do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) no Campus de Ferrol acompañado polo profesor Fran Bellas

Unha trintena de estudantes de varios países europeos (Eslovenia, Italia, Finlandia, Lituania e España) están a colaborar coa Universidade da Coruña para dar forma ao plan de estudos da que sería a materia común de Intelixencia Artificial para Europa. Co fin de impulsar este marco, o Campus de Ferrol acolle esta semana a segunda actividade formativa promovida polo proxecto europeo de innovación educativa AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School que está a liderar o Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) da UDC. A actividade pechará cunha visita á sede do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC).
Serán uns 30 estudantes do CPI A Xunqueira de Fene, do IES David Buján de Cambre e do Solki Center Velenje de Eslovenia quen participen de xeito presencial nesta xornada que mestura formación e ocio ao tempo que achega aos máis novos á Intelixencia Artificial.
A Escola Politécnica Superior acolle este 24 de maio a primeira das actividades. Os estudantes de secundaria e bacharelato tomarán contacto co RoboboSim, un simulador baseado en Unity que os investigadores do Grupo Integrado de Enxeñaría desenvolveron durante o confinamento en 2020.
O martes 25, ás 10:00 horas, participarán nun obradoiro sobre programación impartido polo profesor Fran Bellas e xa pola tarde, ás 16:30 horas, sumaranse a unha xincana pola cidade na que, botando man da Intelixencia Artificial e máis dos postes selfie instalados polo Concellos de Ferrol hai unhas semanas, coñecerán os principais puntos de interese turístico da cidade departamental.
O mércores 26, ás 10:00 horas, os estudantes achegaranse ata Mera para realizar unha actividade de introdución ao paddel surf. Pola tarde, ás 15:30 horas, celebrarase un obradoiro en liña sobre robótica autónoma no que intervirá o alumando do resto de centros participantes no proxecto AI+ e que dada a actual situación sanitaria derivada da COVID-19 non puideron viaxar ata Ferrol. Trátase de 20 estudantes do 2IIS A-Ruiz de Italia, do Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras de Lituania e do Joensuun yhteiskoulun lukio de Finlandia.
No que atinxe á xornada do xoves 27, a Escola Politécnica Superior acollerá, ás 10:00 horas, a segunda parte do obradoiro sobre programación e, xa pola tarde, terá lugar unha clase colaborativa na que os estudantes presentarán unhas infografías sobre a ética en Intelixencia Artificial.
A visita ao Centro de Investigación e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) pecha, o venres 28, o programa desta segunda actividade formativa.
Implantar a materia de IA no Bacharelato en toda Europa
Profesorado e persoal técnico vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) e adscrito tamén ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña está a coordinar desde o Campus de Ferrol o proxecto europeo de innovación educativa AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School. O obxectivo final deste proxecto é o de elaborar un plan de estudos para unha materia de Intelixencia Artificial (IA) adaptado á educación preuniversitaria en Europa ou, o que é o mesmo, para estudantes de Bacharelato.
Para poder levar a cabo o proxecto AI+, a Universidade da Coruña conta coa colaboración de seis socios, todos eles seleccionados en base á súa experiencia previa en proxectos europeos Erasmus+ e á súa traxectoria en innovación educativa. Trátase de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos distintos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).

PUBLICIDADE