A folga xeral monopoliza as redes sociais

xoves, 29 de marzo do 2012 Marcus Fernández

A folga predominou entre os temas do momento en Twitter

Este 29 de marzo celébrase unha xornada de folga xeral en España, o que pode notarse nas mobilizacións que teñen lugar nalgunhas rúas, no peche dalgúns negocios ou nas actuacións de distintos piquetes informativos, podendo facerse un seguimento destas actividades na Rede, a través de distintas canles, entre as que destacan as plataformas de redes sociais, que lonxe de estar en folga, víronse monopolizadas polo que parece ser o grande tema do día.
Deste xeito, mentres os medios de comunicación tradicionais están a cubrir a folga nas súas páxinas web, os cidadáns están a realizar as súas achegas a través de Facebook e, moi especialmente, dende Twitter, onde podemos ver que os temas do momento son os hashtag #enhuelga, #Toma29M e #FracasoSindical (deixando claro o contraste de pareceres sobre o tema) e outras tendencias que responden a novas relativas á folga (como a falsa detención de Willy Toledo), aos nomes dos líderes sindicais e aos nomes das formacións sindicais (chegando incluso a CIG a ser Trending Topic español durante o comezo das súas mobilizacións nas rúas galegas).
Entre as informacións publicadas non faltan fotografías sobre a violencia dalgúns piquetes, vídeos nos que denuncian as cargas policiais e incluso a fotografía dun empresario que asestou unha puñada na cara a unha sindicalista; pero tamén podemos destacar unha ferramenta en liña que parece estar a ter moi boa aceptación á hora de medir a caída de actividade por mor da folga: o sistema de medición da demanda enerxética en tempo real achegado por Rede Eléctrica (que rexistrou unha clara caída a partir das doce da noite).

A caída no consumo eléctrico empregouse para medir o seguimento da folga

PUBLICIDADE