A final española da First Lego League xa ten vencedores

martes, 23 de febreiro do 2010 Raquel Noya

O pasado domingo, rodeados dun gran ambiente de xogos e solidaridade, os finalistas da fase española da First Lego League, unha competición internacional de robótica dirixida a mozos e mozas de entre 10 e 16 anos, medían os seus coñecementos neste eido no CosmoCaixa de Barcelona.
En total, uns 24 equipos de escolares procedentes de Navarra, Barcelona, Cornellá, Madrid, Albacete, Ibiza, Andalucía, Extremadura e Euskadi tomaron parte nesta gran final española, onde o vencedor foi o equipo Blau La Vall de Barcelona.
Máis de 600 persoas asistiron á competición na que os equipos de escolares medían as súas forzas en deseño de robot, actuación do robot na mesa de competición, traballo en equipo e proxecto científico en torno ao reto do ano: Smart Move ou Transporte eficiente.
O campión absoluto resutante desta final, o equipo barcelonés, foi o que máis puntuación acadou nas catro categorías da competición, tendo o mesmo valor cada unha delas: 25 por cento deseño robot, 25 por cento proxecto científico, 25 por cento competición en mesa e 25 por cento traballo en equipo.
O campión dispón agora dunha semana para escoller o torneo internacional ao que quere acudir: o World Festival (Atlanta 15-17 de abril), o Open European Championship (Estambul 22-24 de abril) ou o Open Asian Championship (Taiwán 6-8 de mayo).
Empregando os equipos tecnolóxicos de LEGO Mindstorms e ilimitadas pezas de LEGO, os nenos e nenas traballan co seu adestrador para construír e programar un robot que resolva o desafío anual mediante retos da vida real, neste caso o deseño de medios de transporte eficientes. Tamén deben investigar en Internet, conversar con científicos, visitar bibliotecas e librarías para realizar un proxecto científico que deberán presentar diante dun xurado formado por científicos, profesores, universitarios...
Grazas a este proxecto, os participantes desenvolven habilidades creativas, pensamento analítico, comunicación e traballo en equipo, ademais de adquirir coñecementos técnicos e científicos.

PUBLICIDADE