A final do Mundial de Fútbol servirá para retratar unha España pantasma

venres, 9 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Imaxe da película Abre los ojos de Alejandro Amenábar

Na película Abre los ojos podiamos ver unha curiosa escena na que o protagonista corría polo centro de Madrid sen atopar a ninguén pola rúa, o que pretendía ser unha situación claramente ficticia, porque resulta practicamente imposible atopar desertas as rúas principais das grandes cidades, pero José Jiménez, autor do blog Kurioso, pensou que tal imaxe podería reproducirse o vindeiro domingo co gallo da final do Mundial de Fútbol de Sudáfrica, pois estariamos ante un momento deportivo histórico (a primeira final do Mundial por parte da Selección Española) e será posible atopar rúas desertas por todo o Estado, de aí que aproveiten o momento para convocar o concurso fotográfico Una España Fantasma.
Rexistrar grandes avenidas e parques sen transeúntes é algo bastante complicado, pero a oportunidade que ofrecerá este domingo aos afeccionados á fotografía que non sigan o fútbol resulta moi atractiva, e xa hai ducias de voluntarios dende Madrid, Barcelona, A Coruña, Oviedo, Vigo, Zaragoza, Ourense, Tenerife e outras cidades españolas que se ofreceron a participar nesta iniciativa tras a convocatoria realizada por Jiménez en Twitter, e que remitirán as súas instantáneas a mesma noite do partido para conformar un grupo público en Flickr que poderemos ver o vindeiro luns e das que publicarán as 20 mellores no blog convocante do concurso, mentres que na web Lainformacion.com elixirán ás 50 mellores e incluso premiarán á mellor das mesmas cunha cámara LOMO orixinal.

Lainformacion.com regalará unha cámara LOMO á mellor instantánea de rúas desertas tomada durante a final do Mundial

PUBLICIDADE