A fibra óptica de Telefónica chegará a sete parroquias de Carballo

venres, 6 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Xuntanza do Concello con telefónica de Galicia celebrada o ano pasado

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de comunicar ao Concello de Carballo o vindeiro despregue de redes ultrarrápidas de acceso a Internet no rural do municipio. Segundo lle fixo saber, no período 2018-2020 está previsto o despregue de fibra óptica en varios núcleos de poboación de sete parroquias, co fin de equipar aos fogares e empresas residentes nestas contornas con Internet de última xeración. Os traballos, coma os avanzamos estes días polo Concello de Oleiros e o Goberno local de Teo, serán posíbeis grazas ao Plan Banda Larga 2020 impulsado pola Administración autonómica e estatal con fondos europeos.
Este plan, do que falamos recentemente en Código Cero con motivo da presentación das importantes actuacións no rural que inclúe, prevé o despregue de redes ultrarrápidas na Galicia non urbana no devandito período de dous anos, uns labores que serán desenvolvidos por Teléfonica e que terán co-financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). O resultado será que unha parte moi relevante das nosas vilas de pequeno tamaño e das nosas aldeas e miúdos núcleos de poboación contarán con servizos de acceso a Internet de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica.
Respecto ao fornecemento de infraestrutura e tecnoloxía ao municipio bergantiñán, este responde, en palabras do Concello, a “unha reiterada demanda da veciñanza a través dos consellos parroquiais que desde a alcaldía foi trasladada xa o ano pasado á directora de Telefónica en Galicia”, a empresa adxudicataria (precisamente) dos ditos traballos.
Os núcleos de Carballo que serán obxecto de despregues de tecnoloxía FTTH (fibra óptica até o fogar) son os seguintes: Quintáns e Vivente (Ardaña), A Ganduma, O Moucho e Vilarnovo (Berdillo), Queo de Arriba, O Requeixo e Loenzo (Bértoa), Cances da Vila (Cances), O Monte e Ponte Rosende (Carballo), As Torres (Oza) e Bolón e Guntián (Sofán). O investimento realizarase entre este ano e o 2020, segundo a información facilitada ao Concello pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Ademais, con cargo ás subvencións concedidas desde o Estado, están xa en curso actuacións que permitirán servizos de acceso ultrarrápido a Internet en Queo de Abaixo, A Rega e O Fondal (Bértoa), Cances Grande (Cances), e Arnados e Razo da Costa (Razo).
O Concello lembra que na última convocatoria do Estado, publicada en abril deste ano, achégase a maiores unha dotación de 18,5 millóns de euros para Galicia, que permitirá que os operadores poidan seguir incrementando a velocidade de acceso a Internet en zonas nas que non hai servizo de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer del.

PUBLICIDADE