A fibra óptica de Movistar Fusión será simétrica a partires do 5 de febreiro

mércores, 23 de decembro do 2015 Marcus Fernández

No mes de setembro Luis Miguel Gilpérez anunciou que Movistar ía comezar a ofrecer en breve conexións de acceso á Rede por fibra óptica a velocidades simétricas de até 300 Mbps, e a medida está xa próxima de converterse en realidade, pois dende ADSLzone dan conta de que as conexións de Movistar Fusión de 30 e 300 Mbps, pasarán a ser simétricas a partires do 5 de febreiro de 2016, ou sexa, que as velocidades de subida de 3 e 30 Mbps respectivamente multiplicarían a velocidade por 10. Ao parecer o cambio de velocidade sería paulatino e sen intervención por parte do usuario, e viría acompañado dunha suba de prezo de 3 euros/mes.
Tamén dan conta de que Movistar pretende comezar a distribuír no primeiro trimestre de 2016 o seu novo router con ONT integrado, que non só evitaría a molestia de ter dous dispositivos independentes nas súas instalacións, senón que tamén integraría Wi-Fi AC, permitindo así tirar proveito das velocidades de 300 Mbps tamén a través de Wi-Fi (algo imposible cos modelos de router que actualmente instala o operador). Nun principio sería un produto dirixido a novos clientes, descoñecéndose se farán algún tipo de actualización a clientes actuais.
Dende ADSLzone tamén confirman que a suba do volume de datos móbiles en 1 GB do que dimos conta nos pasados días pasará a ser oficial, comunicándose aos clientes a través da súa vindeira factura.

PUBLICIDADE