A ferramenta electrónica Sophos permitirá medir a actividade científica do SERGAS

venres, 28 de marzo do 2014 Redacción

A sede da Fundación Escola de Administración Sanitaria acolle este venres unha xornada sobre a actividade científica do Servizo Galego de Saúde. O foro contou coa presenza da conselleira Rocío Mosquera, abrindo a xeira de actividades e salientando as funcionalidades e vantaxes da ferramenta electrónica Sophos, que foi desenvolvida por Bibliosaúde en colaboración coa Subdirección de Investigación do SERGAS. Segundo fixo saber, Sophos servirá entre outras cousas para medir a actividade científica de todos os investigadores da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.
Segundo explicou Rocío Mosquera, “Sophos será moi útil tanto para o persoal investigador como para o xestor sanitario”. E engadiu: “Aos primeiros permitiralles coñecer a súa actividade, en que revistas se publica, as redes de colaboración que existen, así como saber os indicadores que miden a calidade e favorecen a autoavaliación; e aos segundos, os xestores, permitiralles identificar grupos de excelencia, a análise da colaboración e a detección de áreas fortes e aquelas que hai que reforzar no sistema investigador galego das ciencias da saúde”.
Entre os relatores da xornada que hoxe inaugurou a conselleira están a directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Publica, Sonia Martínez, quen falara da I+D+i biomédica en Galicia; Francisca Abad, catedrática de Medicina da Facultade de Medicina de Valencia, que abordará a contribución dos estudos métricos á xestión da investigación; e María Sobrido, responsable de Sophos, que exporá a análise da produción científica do SERGAS.

PUBLICIDADE